DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Deportes a bo prezo e estancias en EEUU, aspectos que espertaron maior interese

Os estudantes de primeiro descobren nunha charla os privilexios de ser universitario

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 08/10/2008

Poder facer pontismo ou paracaidismo a prezos accesibles ou estudar un ano nunha universidade americana e convalidar a estancia foron algún dos temas que máis espertaron o interese entre os mozos que acaban de comezar o seu periplo coma estudantes universitarios e que hoxe asistiron a charla “Privilexios dun universitario”, unha iniciativa para dar a coñecer entre os alumnos de primeiro as ofertas que pon á súa disposición a Universidade de Vigo.
Acaban de chegar e teñen xa as súas axendas repletas: concertos, exposicións, conferencias, actividades deportivas, voluntariado... “Vós sodes os que tendes que decidir, pero o importante é que teñades unha idea completa do que se vos ofrece e dos privilexios que tedes coma estudantes”, indicáballes Ricardo Corderí, xefe do Servizo de Extensión Universitaria durante a charla.

Música, cine, exposicións... na oferta cultural

O encontro, que tivo lugar no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, achegou aos novos alumnos unha ampla panorámica da vida cultural universitaria. No que a música se refire, a clásicos coma o festival Sonora, o Circuíto 4x4 ou o Concerto de Nadal uniuse a presentación do programa Ensaiamos, a través do cal se pon a disposición dos estudantes un local de ensaio perfectamente equipado, ou a posibilidade de participar no Coro Universitario, “algo para o que non fai falla ter experiencia previa, pois o propio coro se encargará de impartir a formación precisa”, explicoulles o técnico de Actividades Culturais, Alfonso Caride.
Á oferta musical engadiuse a posibilidade de participar en diferentes actividades de teatro, acudir a espectáculos de rúa na Cidade Universitaria, ou participar en obradoiros “de temática tan variada que van dende a elaboración de pan biolóxico ata o djembé ou a ópera en directo dende o Liceu de Barcelona”, comentoulles Caride, quen tamén lles indicou algunhas datas a ter en conta: “o 23 de outubro unha actuación gratuíta que vos vai encantar; do 3 ao 6 de novembro o ciclo de conferencias Universiuma ou a última semana de novembro un ciclo de cine submarino”.

Deportes para todos os gustos

O Programa de Lecer, no que o curso pasado se incluíron actividades coma pontismo, paracaidismo ou parapente, e o de Augaventura, centrado en deportes acuáticos, foron os aspectos deportivos que máis curiosidade espertaron entre os estudantes. Javier Ríal, responsable do Servizo de Deportes, foi o encargado de presentarllos xunto ao resto da oferta de deportiva tanto no campus coma na cidade. “Para os máis competitivos, as ligas universitarias; para coñecer o entorno, os roteiros culturais; para probar cousas novas, aquaerobic... son só algúns exemplos das actividades ás que vos podedes anotar”, comentoulles.

Asesoramento académico e persoal

Ademais de encher as súas axendas a charla serviulles tamén para recibir información sobre os diferentes servizos administrativos que a Universidade pon á súa disposición: a Oficina de Relacións Internacionais, ORI, para asesoralos en programas de intercambio; a Oficina de Orientación ao Emprego, para información laboral e de prácticas, ou o Gabinete Psicopedagóxico para “axudarvos se vos xurde calquera tipo de problemática a nivel persoal”, comentoulles Corderí.
“Eu por exemplo coñecía o programa Erasmus peron non tiña nin idea da posibilidade de estudar en Estados Unidos cunha bolsa ISEP”, comentaba un alumno de Enxeñaría de Telecomunicación ao remate da charla. “A min o que máis me interesou foron os programas de voluntariado”, sinala unha compañeira. “Outros aspectos coma o aloxamento chamáronnos menos a atención, pois algúns xa estamos vivindo na residencia”, continuou.
A presentación destas actividades continuará este xoves en Ourense coa participación do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez, e o xefe de Extensión Universitaria, Ricardo Corderí. Será ás 11.00 horas na Aula Multiusos do Edificio de Ferro.