DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores, o 8 de maio

Os estudantes sénior compartirán a súa ilusión por aprender nun encontro en Vigo

A iniciativa reunirá ao alumnado das Aulas de Maiores das tres universidades galegas

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Raquel Feijóo DUVI 14/04/2010

Nina Vila dedicou os seus anos de xuventude a rexentar unha pequena perfumería no seu Ourense natal. Chegaron os fillos, despois os netos e, por suposto, a xubilación, unha nova etapa da súa vida que decidiu aproveitar para retomar unha cuestión que ficaba agochada no seu peto de ilusións dende sempre: a universidade. Na actualidade é unha máis dos 100 estudantes cos que conta a Aula de Formación para Maiores do campus, unha experiencia que non dubida en cualificar de “moi positiva” e da que subliña unha materia: a informática. “Foi o máis innovador e descoñecido para min xa que sempre foi un tema que tiven moi apartado. Este ano os meus fillos regaláronme un ordenador portátil, propúxenme o reto de aprender e estou encantada” confesa con orgullo. Unha historia moi similar é a que conta María Luísa Grande, que traballou durante anos como funcionaria e que decidiu aproveitar a oportunidade que lle brindaba a xubilación para estudar na universidade.
Tanto Nina como María Luísa terán a oportunidade de compartir experiencias e anécdotas con outros alumnos e alumnas das tres universidades galegas o vindeiro día 8 de maio no campus de Vigo co gallo da celebración do IV Encontro Galego de Programas Universitarios para Persoas Maiores. A actividade está organizada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo en colaboración coas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña e o seu obxectivo é servir de punto de encontro para que os profesores e os estudantes intercambien as experiencias e investigacións que veñen realizando.

Actividades académicas e tempo para o lecer

O encontro desenvolverase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo e entre as actividades previstas figura a participación do catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago de Compostela, Augusto Pérez Alberti, que pronunciará un relatorio sobre a demografía en Galicia. Docentes e estudantes poderán participar activamente nesta xornada con diversas comunicacións. O programa de actos da xornada complétase cunha comida de confraternidade e coas actuacións do grupo Teatro Lido e do cuarteto Aurum.
O vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, subliña do encontro a oportunidade que lles brinda a profesores e estudantes para coñecer novas persoas e outras maneiras de estudar e de traballar e fai especial fincapé na variedade de actividades que ofrece a programación do evento para esa xornada, que inclúe dende actos académicos ata actividades culturais pasando por unha comida de confraternidade. “Este encontro vai supor unha boa ocasión para coñecernos porque sempre é importante saber as liñas de traballo e actuación dos profesionais dos outros campus. Ademais desa parte académica o evento inclúe outros actos de carácter máis lúdico que servirán para o establecemento de novas relacións e contactos entre os asistentes”, declara. Aínda é cedo para dicir o número de estudantes que acudirán ao encontro pero Membiela confía en chegar aos 300 inscritos. Esa posibilidade de coñecemento que lle vai brindar o encontro aos participantes é tamén apuntada por Josefina Pato, directora do Programa Universitario para Maiores no campus de Ourense, que afirma tamén que a xornada serviralles a estudantes e profesores para “compartir as súas vivencias”.

Gañas de aprender pasados os 50 anos

Entre os participantes no encontro estará, case con total seguridade, María del Carmen Fernández, unha alumna que viaxa cada día dende O Carballiño ata o campus de Ourense para asistir a unhas clases que non dubida en cualificar como “unha verdadeira terapia”. E tamén María Isabel Ruíz, que se amosa “encantadísima” de retomar os seus estudos na universidade non só porque lle permite lembrar materias do bacharelato senón tamén porque aprende novos estudos como a informática. Entre todos eles a palabra que máis soa é a de “compañeirismo” e a todos Pedro Membiela os animou a viaxar ata Vigo o día 8 de maio para coñecer a outras persoas que, coma eles, teñen inquietude e gañas de aprender pasados os 50 anos.