DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os estudantes toman a iniciativa na procura do seu futuro profesional

22 alumnos coordinan unha organización de máis de 200 persoas no Foro Tecnolóxico de Emprego

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Lucía Costas DUVI 01/04/2009
Ilusión e vocación por axudar “ao estudante compañeiro” na procura dun futuro profesional é o que leva a 22 mozos, pertencentes ás delegacións de alumnos das catro escolas de enxeñaría do campus de Vigo, a coordinar a organización, composta por máis de 200 persoas, do IX Foro Tecnolóxico de Emprego. “Facilitar un achegamento dinámico e agradable entre o mundo laboral e os estudantes, sobre todo de último curso, é o obxectivo principal do encontro”, explica Vicente Vázquez, coordinador xeral. Unha iniciativa que xurdiu, xa fai nove anos, “dos estudantes para os estudantes, coa intención de crear un contacto de cara á primeira experiencia laboral”, apunta Vázquez.
Representantes de diferentes empresas, nacionais e internacionais, do ámbito da ciencia e a tecnoloxía, achéganse durante estes tres días ao campus co fin de dar ao alumno toda a información e asesoramento que precise e incluso ofertando emprego a través dun contrato laboral ou bolsa. “Trátase de traer aquí ás empresas en vez de que o alumno se teña que desprazar, por exemplo, a Madrid, Barcelona ou a calquera outra localidade onde estea cubicada a entidade que a el lle interesa”, sinala Manuel Leites, coordinador da ETSE Telecomunicación; “unha oportunidade única, exclusiva e interesante que o estudante debe aproveitar”, remarca David Feijoo, coordinador da ETSE de Minas.
O foro ha ser como unha cita obrigada de todo futuro enxeñeiro e por iso, dende a organización, animan a todos os estudantes a participar e acudir a el, primeiro polas facilidades que se lle dan para achegarse ás empresas “nas que proximamente desenvolverá a súa profesión e actividade laboral”, explica Vázquez; e, segundo, pola posibilidade de aprender a enfrontarse aos diferentes procesos de selección das empresas, “grazas ás actividades de formación que se organizan en colaboración coas propias entidades de promoción de emprego que colaboran no evento”.

Un traballo e esforzo de moitos durante varios meses

Todas as persoas participantes organízanse en distintas comisións e equipos de traballos, nomeando a un coordinador e a varios vicecoordinadores de cada escola, ademais dun coordinador xeral, unha tesoureira, unha encargado de prensa e imaxe e outra persoa centrada nos servizos informáticos. Todos eles comezan un forte e intenso labor que se prolonga durante varios meses.
Dende novembro comezan as tarefas “convocando aos colaboradores e contactando coas empresas participantes, mediante unha base de datos propia e captando outras novas, enviándolles documentación acerca do encontro”, sinala Alicia Pérez, coordinadora de prensa e imaxe. “Tamén é certo que son algúns os casos, como o de Seat, nos que é a empresa quen se dirixe a nós, interesándose pola súa participación no foro”, engade. De novo, a comezos de ano, vólvese a realizar un segundo contacto “para ir configurando xa unha lista de inscritos provisional, observando cales poden ter máis interese”, apunta Vázquez, e a partir de entón, “inícianse todas as cuestións relaiconadas coa infraestrutura”. As datas previas ao evento, quizais as de maior tensión, dedícanse a que “cada un teña a súa parte organizada e preparada, ultimando os derradeiros detalles”, sinala Pérez. Xa logo, os días de celebración do foro “son os máis relaxados, nos que hai que velar porque todo se vaia desenvolvendo segundo o previsto”, indica a coordinadora de prensa e imaxe; e, polo xeral, “rematamos orgullosos de ver cómo, co esforzo de todos, o foro levouse a cabo segundo o previsto, obtendo os resultados formulados”, conclúe.
Non obstante, todo este labor non resultaría nada produtivo sen o apoio de patrocinadores e colaboradores. “Nós poñemos o traballo e eles os medios”, destaca Fernando Lence, coordinador da ETSE Industriais. Neste senso, dende a organización queren agradecer o esforzo e traballo tanto dos diferentes órganos da Universidade, como das entidades patrocinadoras, en especial Caixanova, así como, por suposto, de todos os alumnos que aportaron o seu graíño a este foro, pois “sen eles todo este despregue non sería posible”, engade Lence.

Un encontro con visión de futuro

Un foro onde todo o mundo sae beneficiado, as empresas preséntanse aos futuros enxeñeiros á vez que estes atopan unha ampla oferta laboral nun escaparate de entidades punteiras no ámbito científico-tecnolóxico. Ciclo de conferencias, workshops, coffee break, mesas redondas e stands conforman a programación das xornadas nas que se desenvolve o encontro “orientado a achegar aos futuros enxeñeiros a realidade empresarial”, remarca unha vez máis Vázquez, un obxectivo do cal se están obtendo resultados moi positivos, pois “xa son moitos os alumnos que, a raíz do Foro Tecnolóxico de Emprego, atopan unha oportunidade e colócanse no mundo laboral”, asegura, “sendo dobre a satisfacción”. Isto demostra que, ano tras ano o encontro está a ter un maior éxito e aceptación entre o alumnado e as empresas que, de seguro, proseguirá en edicións vindeiras.