DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co Plan Boloña aumenta o peso da docencia na nota final

Os exames xa non dan tanto medo

A Universidade estrea o primeiro calendario único de avaliación totalmente adaptado a Europa

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
DUVI 12/01/2011
O traballo diario ten moito que ver na nota final. É o que están a comprobar os alumnos e alumnas da Universidade de Vigo que dende hoxe e ata o vindeiro 27 de xaneiro afrontan o primeiro calendario único de avaliación inmerso totalmente no Plan Boloña, onde a docencia gaña peso e a cualificación do estudantado é unha mestura entre as probas e o traballo realizado ao longo do cuadrimestre. O exame conta entre un 50 e un 60% da nota, “dependendo da materia”, o que dá moita tranquilidade aos que estes días terán que examinarse. “No noso caso sempre estivemos en grupos reducidos, como pretende o novo plan, e iso ten inconvenientes e vantaxes, unha delas é ter unha avaliación continua. Dá seguridade que non te xogues todo a unha carta”, explica Adrián, estudante de 4º de Filoloxía Galega, ao saír da aula na que fixo o primeiro exame do ano.

Unha adaptación a Europa do xeito de facer as cousas que convence ao alumnado que estrea titulación. Como lle ocorre a Valeria, de 2º do Grao de Estudos de Galego e Español, que prefire ter “máis traballo diario” a cambio dun trato “máis individualizado do profesor, que ten en conta moitos aspectos, desde a asistencia a clase ata se participas de xeito activo”. Iso si, que non supoña o cento por cento da nota non implica que sexa un camiño de rosas. “Temos que estudar igualmente, aínda que non sexa o único parámetro que se ten en conta hai que pór as pilas e superalo”, recorda.

Unha volta de vacacións axetreada

Precisamente ter que pasar as vacacións de Nadal estudando é unha das principais queixas dos que se examinan estes días, que traen sempre nervios extra. Ter que avaliar os coñecementos adquiridos nestes primeiros meses de clases sen ter apenas tempo para afacerse de novo á rutina divide ao alumnado entre quen ve o vaso medio cheo e medio baleiro: por un lado “aínda que che amargan algo as vacacións tes moito máis tempo libre para prepararte”, como asegura Jenifer, no primeiro curso de Grao de Administración e Dirección de Empresas; por outro, “en Nadal faise difícil estudar, porque queres descansar das clases e ao final dáste un atracón rematadas as festas e xusto antes do exame”, recoñece Laura, estudante de 2º de Grao en Traballo Social.

Aproveitando ata o último intre ás portas da aula para repasar, o alumnado pide unha tregua. “Se os exames foran unha semana despois teríamos máis tempo para estudar, uns días para aterrar de novo nas clases despois das vacacións”, reclama Estefanía, estudante de Ciencias da Educación. Sobre todo porque “hai moita xente que viaxa no Nadal e non dá tempo a prepararse”, ratifica Christian, alumno de Ciencias da Educación e do Deporte, e porque “se acurtou o período de docencia no mes de xaneiro, obrigando aos profesores a dar a mesma materia máis rápido”, protestan Bibiana e Nuria, de Comunicación Audiovisual.

Unha présa que temen que terán de novo nos exames do segundo cuadrimestre e de xullo. “Antes non é que tiveras máis oportunidades, pero si tempo, sobre todo en setembro. Nun mes non podes aprender todo un curso aínda que viñeras a clase, porque se non aprobaches á primeira probablemente á segunda precisarás máis tempo”, augura Carme, xa en 4º de Filoloxía Galega.

Horarios especiais nas bibliotecas

Para axudar ao alumnado a preparar os exames, a Biblioteca Universitaria manterá ata o vindeiro 26 de xaneiro horarios especiais de apertura para noites e fins de semana: entre semana as bibliotecas centrais dos campus de Pontevedra e Ourense e a de Torrecedeira permanecerán abertas ao público de xeito ininterrompido ata as 03.00 horas, mentres que durante as fins de semana o horario será de 08.00 a 22.00 horas, agás na Biblioteca Central do Campus de Vigo, que abrirá as súas portas a partir das 09.00 horas.