DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo a tese de doutoramento de Jorge Viaño

Os exercicios de quentamento realizados polo estudantado de música non preveñen doenzas físicas

A investigación analiza factores de prevención e risco dos trastornos músculo-esqueléticos no alumna

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
E.L. Castro DUVI 30/11/2009
Os hábitos de prevención durante a interpretación musical, tales como o quentamento e os descansos, non constitúen un factor de protección física en estudantes de música de conservatorio. Isto é así, ao menos, para a mostra empregada na tese de doutoramento Actividade física, interpretación musical e trastornos músculo-esqueléticos en estudantes instrumentistas de conservatorio: factores de risco, de Jorge Viaño. Cualificada con sobresaliente cum laude, a tese analiza as rutinas do alumnado de dous conservatorios pontevedreses, o Manuel Quiroga de Pontevedra e o Superior de Vigo. Ante este achado, o investigador recomenda que tanto o alumnado como o profesorado deberían "reformular non só a realización dos hábitos, senón tamén o tipo de exercicios a incluír, a frecuencia e a organización dos quecementos, descansos e volta á calma".
O investigador obtivo como resultado da súa pescuda que "un maior tempo por sesión de quentamento se asociou cun número maior de zonas corporais con trastornos". A maioría dos enquisados dicían realizar exercicios técnicos directamente co instrumento, tales como escalas musicais, polo que Viaño conclúe que, desde o punto de vista da fisioloxía do exercicio e do movemento "non cumprirían os requisitos para ser considerados como un quentamento propiamente dito". Ademais, observou que moi poucos realizaban accións de volta á calma, como estiramentos ou relaxación, para liberar tensións logo das longas sesións de ensaio.

Hábitos de actividade física e deportiva dos músicos

Esa non foi a única conclusión sorprendente da investigación. Así mesmo, escapan ao esperado na hipótese inicial os resultados obtidos da análise dos hábitos deportivos dos músicos. A actividade física constituíuse coma un factor de protección, de carácter débil, ante a aparición por primeira vez de trastornos, pero non da suficiente forza como para mitigar a gravidade (intensidade, cronicidade e extensión corporal) dos trastornos que xa estaban presentes. Malia que a investigación non analiza as razóns da inexistencia desta relación, o autor sinala que "o que pode estar ocorrendo é que os sistemas corporais implicados na actividade física que realiza o alumnado non produzan adaptacións beneficiosas para soportar as esixencias tan específicas da interpretación musical".
Pola contra, si puido concluír que o risco relativo é cinco veces superior nos estudantes que non fan exercicio. O investigador obtivo evidencias tamén de que os instrumentistas clasificados cunha boa condición física relacionada coa saúde e un estilo de vida saudable "padecen menos trastornos, menos crónicos e nun número menor de zonas". Ante estes resultados Jorge Viaño conclúe que “a participación do alumnado nun programa específico de intervención a través da actividade física e de promoción dun estilo de vida activo ten moitas posibilidades de ser eficaz na prevención de trastornos músculo-esqueléticos e de mellorar a calidade da música interpretada polos instrumentistas da mostra”.

Factores de risco sociodemográficos e da propia actividade musical

Á marxe dos factores considerados a priori de prevención, a tese identifica os factores de risco asociados á aparición e a gravidade do trastornos. Entre eles estarían características sociodemográficas como ser muller ou a idade e cuestións de saúde xeral como a presenza de problemas estruturais no lombo, sobrepeso ou fumar. Serían factores de risco da propia actividade musical cuestións xenéricas como o tipo de instrumento, o grao de motivación, os anos de estudo e a dificultade das obras musicais, pero sobre todo a carga física derivada da frecuencia semanal e o tempo diario dedicado ao ensaio. Todos estes factores de risco mencionados anteriormente atopáronse relacionados directamente coa gravidade dos trastornos a nivel de intensidade, cronicidade ou número de zonas afectadas.

Obxectivos e metodoloxía

O desenvolvemento desta tese tivo como obxectivo principal o estudo da relación entre os hábitos de actividade física e deporte no tempo libre, a condición física relacionada coa saúde e os hábitos da interpretación musical coa aparición de trastornos músculo-esqueléticos en estudantes instrumentistas de conservatorio, é dicir, dores, debilidade, entumecemento, formigueo ou outros síntomas orixinados pola práctica musical e que, ao mesmo tempo, interfiren na súa execución.
Para o seu desenvolvemento o autor empregou unha mostra de 155 instrumentistas de corda frotada (viola, violín, violoncello e contrabaixo), percutida (guitarra) e pianistas, matriculados en dous conservatorios representativos da provincia: o Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra e o Conservatorio Superior de Música de Vigo. O método de recollida de datos baseouse nunha entrevista oral, individual e estruturada a través de varios cuestionarios profesionais prevalidados por outros autores e adaptados ao contexto cultural galego, obtendo un índice de resposta do 93,5%.
Viaño decidiu abordar este tema por un interese na aplicación da actividade física e os seus beneficios en diferentes ámbitos académicos e laborais, en concreto a través da educación postural e o movemento. Ademais, constatou carencias e controversias na literatura previa que estudaba a relación de factores supostamente preventivos (actividade física, condición física, quentamento, descansos, etc.) e os trastornos músculo-esqueléticos, a pesar de describirse altas porcentaxes de prevalenzas en músicos, sobre todo en instrumentistas de corda, percusión e teclado, nun rango entre o 25% e o 89%.