DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O proxecto 'A Estrada Inclusiva' organiza unha feira divulgativa neste concello pontevedrés

Os expertos alertan das dificultades da transición entre as distintas etapas educativas

Elaboraron un decálogo sobre os cambios que experimentan nas escolas, colexios e institutos os máis

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 23/05/2013
Deixando pequenas mensaxes nunha botella para os que veñen detrás. Así comparten o alumnado e profesorado de 10 das 12 escolas e centros de ensino secundario da Estrada boa parte das vivencias da súa experiencia no sistema educativo español. Os pais e nais dos estudantes, e incluso algún que outro avó e avoa, tamén participan activamente nesta actividade que se enmarca na feira inclusiva que ten lugar este xoves nesta localidade do Deza, A Estrada educativa sen fronteiras, organizada dentro do proxecto de investigación do Plan Nacional de I+D+i A Estrada Inclusiva que dirixe a catedrática de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Vigo Ángeles Parrilla.

A través de tres stands situados na praza do Concello, os asistentes á feira poden tomar boa nota e comprender mellor como lles afectan aos máis novos todos aqueles cambios que se producen no seu proceso educativo e que están vinculados coa súa propia evolución física e mental. As conclusións ás que se chegou despois de traballar con diversos grupos de alumnos e alumnas, pais e nais e tamén profesores e profesoras dos distintos centro da Estrada son visibles nesta feira a través das experiencias persoais que narran os propios protagonistas.

Un dos resultados amosados nesta cita posta en marcha na localidade dentro do proxecto que lidera a profesora Parrilla é a elaboración dun decálogo sobre as transicións que experimentan os nenos e nenas durante as súas distintas etapas educativas, comezando polo cambio radical que se produce ao pasar do núcleo familiar á Educación Infantil, ao mudar dos cursos de Educación Infantil aos de Primaria e destos últimos aos de Secundaria. É por iso que nestes tres stands abondan as recomendacións e reflexións de como afrontar unha nova etapa no eido do ensino. Unha información moi útil tamén para aos maiores e docentes que se complementa coa conferencia que imparte no Teatro Principal o profesor da Universidade Autónoma de Madrid Gerardo Echeita sobre como levar a cabo transicións de calidade nunha escola aberta ao mundo.

Apoiar ao alumnado e ás familias neste proceso

O obxectivo primordial da feira A Estrada educativa sen fronteiras “é o de sensibilizar á comunidade educativa da localidade da importancia das transicións, do seu valor e oportunidade de crecemento e mellora educativa para os centros, o alumnado e as familias”, destaca Parrilla. “Ao mesmo tempo pretende ser unha chamada de atención para todos eles sobre a importancia de planificar e desenvolver transicións de calidade ao tempo que achegamos a sociedade ao proxecto A Estrada inclusiva que promovemos dende a Universidade”, asegurou.

Unindo nunha soa proposta investigación e innovación no eido da educación, a iniciativa da docente universitaria “persegue mellorar a calidade da educación de todo o alumnado considerando que esta mellora é responsabilidade non só da comunidade educativa senón tamén de todo o conxunto da sociedade”. Nesta edición a feira céntrase nas transicións dunha etapa a outra, un cambio que Parrilla define como necesario. “Os nenos e nenas pasan do fogar á escola infantil, do centro de educación infantil a primarias, desta etapa á de secundaria e, máis adiante xa nalgúns casos, ao mundo laboral. Estas transicións implican a aparición de mecanismos de axuste non só nos máis pequenos, senón tamén nos seus profesores e na contorna familiar”. Na actualidade, e cada vez máis, “somos conscientes dos temores que pode traer consigo o feito de iniciar unha nova etapa na que poden aparecer certas inseguridades que son facilmente convertibles nun risco para o alumnado máis vulnerable”.

Xogos e obradoiros para os máis pequenos

Á oferta formativa desta feira súmanselle os distintos cursos e obradoiros que a organización propón especificamente para os nenos e nenas. Este xoves, a alameda da Estrada acolle durante toda a tarde cursos de globoflexia, maquillaxe e pintura. Pola súa banda, o Teatro Principal será tamén o escenario doutras actividades lúdicas tales como unha animación musical, a preparación de varias coreografías e a posta en valor de varios xogos tradicionais.