DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Retrasan para 2013 a saída da crise e, no mellor dos casos, o vindeiro ano será semellante ao 2011

Os expertos do Banco de España e do BBVA confirman que no 2012 non haberá mellorías na economía

A confianza dos inversores é clave para que as previsións económicas atinen

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 04/11/2011

Semella que a crise económica ficará en España polo menos un ano máis. Así o confirmaron expertos economistas na mesa redonda organizada ao abeiro do X Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, na que explicaron que as previsións de mellora estimadas para o 2012 retrásanse polo menos ata o 2013. Presentados polo profesor Antonio Vaamonde, Eloísa Ortega e Miguel Cardoso, membros dos Servizos de Estudos do Banco de España e do BBVA respectivamente, ratificaron que “no mellor dos casos” 2012 será un ano económico semellante ao 2011, “cargado de medidas restritivas moi necesarias”.

Para os economistas, incerteza é o mellor termo que define a situación financeira actual, consecuencia do permanente risco á baixa do crecemento nacional. Segundo estimacións feitas por Miguel Cardoso, o escenario central da economía española baralla un crecemento do 1%, “que variará dependendo das decisións de política económica tomadas tanto en Europa como en España”. Para o estudoso do BBVA, o mundo financeiro atópase nunha encrucillada “coa existencia dun círculo vicioso difícil de romper”. Como consecuencia dun crecemento débil, a capacidade de repago das débedas de empresas e familias sofre un importante impacto, o que afecta á sustentabilidade do sistema financeiro e este á capacidade de crédito dos bancos, perdendo solvencia e recursos. Todo isto tradúcese nun “efecto dominó que volve afectar ao crecemento do país”, sinalou Cardoso.

Para facer fronte a este momento económico, Eloísa Ortega apuntou que “non se debe perder a perspectiva” e que se debe continuar cunha política de medidas restritivas. “Aínda que a consolidación fiscal sexa dura, ten que seguir facéndose, é necesario racionalizar o gasto público e as familias e as empresas teñen que continuar reducindo a súa débeda para subsistir”, destacou Ortega, aínda que implique un menor consumo.

A confianza dos inversores, clave

Para a representante do Banco de España unha das principais causas que xustifican esta situación económica europea foi a desconfianza dos mercados con respecto á zona euro que se arrastra dende principios de 2010 e que pon en dúbida a viabilidade da moeda. “Os inversores comezaron a desconfiar da capacidade dos estados europeos para devolver a débeda pública asumida, sospeitas que nunca antes existiran”, aclarou a experta, o que provocou que moitos mercados investiran fóra de Europa ou soamente en Alemaña. Esta crise comezou coa difusión de rumores sobre o nivel de débeda de Grecia e a súa posible suspensión de pagos, polo que todos os países da eurozona se viron afectados e "fixeron fraquear as economías menos estables da zona, como a de Portugal, Irlanda, España ou Italia”. Ante esta situación, a Unión Europea decatouse “das moitas lagoas que tiña a arquitectura do seu modelo económico” e puxeron en marcha algunhas medidas, entre elas, un plan de rescate para paliar os efectos da crise.

A esta conxuntura global hai que engadir outras causas de vertente nacional que non axudaron a paliar a crise europea. No caso español, a economista falou dun crecemento desequilibrado moi dependente do sector inmobiliario, un gran déficit de conta corrente “por excesos do pasado”, deterioro fiscal, falta de competitividade...

A crise económica actual levou á cidadanía a desconfiar do papel dos e das economistas por non ter estimado con anterioridade as consecuencias da situación actual. “Dispomos de diferentes tipos de instrumentos que son útiles para ter unha idea do que vai suceder, pero a incerteza xoga un papel fundamental”, apuntou Cardoso, ao que Ortega engadiu a necesidade de continuar perfeccionando as técnicas de predición “corrixindo aspectos que non estaban ben captados polos modelos tradicionais”.