DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada pola AGPTU, o Consello Social da Universidade e Novacaixagalicia

Os expertos debaterán sobre os retos da educación do século XXI

A xornada terá lugar entre os días 9 e 10 de xullo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 05/07/2012
Os cambios realizados na educación nos últimos tempos para adecuar o ensino ás novas tendencias fai que xurdan unha morea de cuestións arredor da eficacia de decisións coma a adaptación ao EEES, Espazo Europeo de Educación Superior, a introdución da aprendizaxe 3.0 ou a formación profesional como alternativa aos estudos universitarios. Co fin de dar resposta ás preguntas formuladas e marcar novos camiños a seguir no campo educativo, a AGPTU, Asociación Xeral de Profesores Titulares de Universidade, o Consello Social da Universidade e Novacaixagalicia organizan, por primeira vez, unha xornada de debate que xa rompeu ao alza as expectativas de participación dende o primeiro día de matrícula.

Con máis de trinta inscritos ás poucas horas de abrir o prazo de inscrición, a xornada O reto de adaptar a educación ao s. XXI acada o éxito “grazas a que o obxectivo desta primeira edición é facer un achegamento entre a Educación Secundaria Obrigatoria e a educación superior, que inclúe tanto a Formación Profesional como a ensinanza universitaria, sempre dende o debate e moi lonxe do que son as clases maxistrais” indica o director do curso e presidente da AGPTU en Vigo, Pedro Pablo Gallego. Por este motivo, o encontro está dirixido “a todo aquel que estea interesado na educación, independentemente da súa formación, xa que o que buscamos é intercambiar diferentes puntos de vista para cambiar unha situación crítica na que temos un alto índice de abandono escolar e moitos mozos e mozas sen cualificación e parados”, puntualiza.

O debate entre expertos, a clave para o cambio

As xornadas divídense en cinco sesións nas que os conferenciantes, expertos nacionais e internacionais nos diferentes niveles educativos, abordarán temas relacionados tanto coa situación da educación na actualidade coma do seu futuro máis inmediato. A xestión do aprendizaxe, o acceso á universidade a través do ensino medio, a formación profesional, o peso de internet e o uso dos dispositivos móbiles coma vías alternativas ás clases presenciais, os efectos da adaptación ao EEES e os resultados da súa implantación, a educación a nivel internacional e a organización despolitizada da universidade para acadar unha ensinanza independente conforman o programa do curso.

Ademáis, e co fin de facer destas xornadas un punto de encontro dinámico e aberto tanto para os conferenciantes coma para o público, “todas as intervencións irán seguidas de mesas redondas de debate nas que se poderán expoñer as dúbidas, cuestións ou recomendacións xurdidas tras a intervención de cada poñente xa que o que buscamos son solucións a unha situación preocupante” aclara o director do curso.

Prazos de matrícula e recoñecementos

O encontro celebrase entre os días 9 e 10 de xullo na sala de conferencias do Centro Social Novacaixagalicia. Na súa páxina web poderá consultarse o programa e realizar a inscrición na xornada. Non hai límite de prazas e o prezo de matrícula é de 48€ “e habrá importantes reduccións na tarifa para as persoas sen emprego, xa que non queremos que ninguén quede fóra por motivos económicos” puntualiza Gallego. Ademáis, as 16 horas de duración están homologadas pola Xunta, que as recoñece coma actividade formativa do profesorado para o ano 2012.