DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración das II Xornadas Internacionais de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuve

Os expertos inciden no papel dos libros infantís para previr comportamentos homófobos e distriminatorios

Constatan unha crecente presenza dos novos modelos de familia nas publicacións para menores

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/05/2012

Os contos infantís, máis alá de fábulas de fantasía, representaron e representan tamén un reflexo da contorna e, polo tanto, da familia. Neles, os esquemas tradicionais tamén deixan un oco para madrastras, orfos ou familias monoparentais dos que son bo exemplo Brancaneves, a Cincenta ou Heidi. Pero nas últimas décadas os novos modelos de familia son unha realidade que tamén os libros para menores recollen e axudan a normalizar desbotando prexuízos. Que os nenos a adolescentes se acheguen a estas novas situacións a través da literatura axúdaos a naturalizar comportamentos e modelos que cada vez comparten máis espazo coa familia tradicional. Por iso os expertos reivindican o importante papel que ten a literatura para previr futuros comportamentos homófobos e discriminatorios. Este é un dos temas que se están a tratar nas II Xornadas Internacionais de Crítica e Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil que este xoves botaron a andar no campus de Vigo e nas que se dan cita especialistas de toda España, Portugal, Brasil, Estados Unidos, Italia e Alemaña. Organizadas pola Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil, da que é vicepresidenta a profesora Veljka Ruzicka Kenfel, o seu obxectivo é facer análise, estudos e crítica sobre as creacións literarias para idades temperás porque, segundo indica “con bos libros creamos hábitos lectores dende pequenos e con libros con pouco valor literario ou sen mensaxe perdemos moitos potenciais lectores”.

A literatura, unha fiestra ao mundo

O acto de apertura das xornadas contou coa presenza do reitor da Universidade, Salustiano Mato, que fixo fincapé en que “a través da palabra espértase a mente e ábrense fiestras ao mundo, sobre todo entre os máis cativos”. Subliñou que a tolerancia e flexibilidade que os libros poden transmitir axudan a determinar os camiños que as persoas han de percorrer no futuro e referiuse en especial aos novos modelos de familia “e de vivir en familia porque, como biólogo, sempre crin na diversidade, tamén de ideas e comportamentos”. Pola súa banda, a presidenta da ANILIJ e profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Blanca-Ana Roig, destacou a relevancia da literatura infantil e xuvenil porque está “destinada a todos os públicos, algo ao que a literatura para adultos non pode aspirar”.

Precisamente porque a literatura infantil e xuvenil non é allea á realidade e aos seus cambios e porque representa unha fiestra ao mundo, estas xornadas pretende analizar como os libros se van achegando aos diferentes tipos de familia, tanto monoparentais como homoparentais, familias multiculturais, multilingües, familias de acollida ou con fillos adoptados e mesmo con avós que desenvolven a funcións dos proxenitores.

O que contan os contos

A conferencia inaugural correu a cargo da profesora da Universidade de Aveiro Ana Margarida Ramos, que se centrou en analizar como a literatura para os máis cativos vai incluíndo, ás veces de xeito directo e ás veces indirecto, as familias homoparentais. Segundo explicou, os libros transmiten valores que moitas veces deben ser revisados, por exemplo polos sesgos de xénero ou de orientación sexual. Ramos fixo un percorrido polas publicacións que nas últimas décadas, sobre todo a partir dos anos 80, comezaron a recoller unha realidade emerxente, a das unións homosexuais. “É integrador e útil para normalizar as diferenzas” que os libros infantís recollan todas as realidades pero subliña que non se trata de “algo propagandístico senón de lexitimar estes modelos desmitificandoos e eliminando prexuízos e isto é esencial para previr comportamentos futuros de carácter homófobo”. Estas lecturas, segundo Ramos, “amplían a capacidade dos nenos de ler o mundo e así, de poder cambialo”.

Entre os títulos aos que se referiu a investigadora, como ela mesma explicaba, hai múltiples fórmulas, dende nenos que presentan a súa vida con dous pais ou dúas nais (Heather has two muns ou Mom and Mum are getting merried), contos que revisan as historias de príncipes e princesas e o ‘felices para sempre’ (King & King), libros que falan a homosexualidade a través dos animais (And Tango makes three), obras que presentan a diversidade de modelos parentais (The family book), historias nas que a homosexualidade é un compoñente máis da vida (Marius ou O libro de Pedro). En todos os casos a idea é transmitir aos máis pequenos a maternidade ou paternidade depende o afecto “non do imperativo biolóxico” e como o equilibrio vén dado “polo afecto e a seguridade” e iso non é exclusivo da familia tradicional.

No transcurso desta primeira xornada tamén se anunciou o gañador do premio que ANILIJ outorga cada ano e que, desta volta, foi parar a mans do profesor da Universidade Complutense Alfonso Muñoz Corcuera polo seu ensaio Reescribiendo Petar Pan. La identificación de un mito con múltiples originales.