DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A proposta realizouse no encontro internacional que se celebra esta semana na Toxa

Os expertos recomendan vincular os impostos sobre as edificacións á súa eficiencia enerxética

Defenden unha reforma e ordenamento da fiscalidade en España que penalice o consumo enerxético

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 25/06/2012
En España é necesario levar a cabo unha reforma e ordenamento da fiscalidade que penalice o consumo enerxético e, á vez, reduza as cargas impositivas sobre o traballo ou os impostos non eficientes. A xuízo dos expertos en economía enerxética e ambiental que dende hoxe se reúnen na Toxa a renovación do marco fiscal español para atender a criterios de eficiencia enerxética suporía un avance no retraso que o país sufre neste ámbito e permitiría alixeirar outras cargas impositivas ao cidadán. A proposta, realizada desde o Workshop Atlántico sobre Economía Enerxética e Ambiental, suporía aplicar impostos con base nun sistema de cualificación dos edificios similar a dos electrodomésticos, o que, ao seu xuízo, incentivaría as medidas de rehabilitación encamiñadas a lograr a certificación A, que estaría exenta de taxas.

O encontro, organizado polo centro de investigaciónEconomics for Energy, o grupo Rede e a Fundación Barrié, chega así á súa quinta edición convertido na cita de referencia en Europa neste ámbito. Entre os participantes nesta primeira xornada destaca a intervención do investigador de Economics for Energy, Pedro Linares, que puxo sobre a mesa o feito de que España é moito máis ineficiente no uso da enerxía ca os países do seu entorno “unha situación que se debe en parte ao modelo no que se baseou o desenvolvemento da economía española nos últimos anos, moi apoiado na construción de vivendas e infraestruturas”. Pola contra, incluso cando estas actividades se reduciron moito, España segue sen aproximarse á media europea “en especial nos sectores da edificación e o transporte”, subliñou.

Os investigadores puxeron tamén de manifesto que o potencial de redución da demanda enerxética a prezos accesibles é moi grande. Segundo recentes estudos de Economics for Energy, a evolución das tecnoloxías e a execución das políticas que dan soporte a súa aplicación poderían traducirse no ano 2030 nunha redución acumulada do 40% da demanda enerxética en España sobre o escenario previsible en ausencia de medidas de aforro. Sen embargo, a falta de sinais adecuadas aos consumidores atópase entre os factores que poñen en perigo a evolución positiva desta situación. Por este motivo, os expertos consideran que existe marxe aínda para, incrementando a fiscalidade sobre a enerxía, incentivar aos consumidores para que reduzan os seus consumos.

A eficiencia non é obstáculo para a competitividade

A eficiencia enerxética en absoluto é un obstáculo para a competitividade. Este é un dos mensaxes claves que se está tentando transmitir dende A Toxa. Segundo explicou o catedrático da Universidade de Vigo e director de Economics for Energy, Xavier Labandeira, China é un bo exemplo disto “pois, a pesares de ser unha potencia emerxente, recortou o consumo de enerxía por unidade de PIB un 20% entre 2006 e 2010 e o goberno quere incrementar este recorte nun 16% máis nos próximos cinco anos”.

Por outra parte os participante no workshop insisten na necesidade de avanzar na cuantificación económica dos efectos do cambio climático como medida de concienzación cara aos gobernos de todo o mundo, de maneira que as súas políticas enerxéticas atendan de maneira prioritaria a esta cuestión. A xuízo dos participantes a crise non ha de ser en ningún caso un elemento disuasorio para retraer os avances tecnolóxicos que permiten gañar terreo ás enerxías limpas.