DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jordi Xifra sinala que hai que superar o sentimento de inferioridade e mirar cara o exterior

Os expertos en relacións públicas en España, a anos luz dos de EEUU

A Universidade de Vigo está entre as tres que destacan a nivel nacional pola súa investigación neste

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 21/10/2011

Mentres que Estados Unidos crea novas correntes de estudo a partir de exemplos da práctica profesional, “aquí seguimos dándolle voltas á definición do que son ou deixan de ser as relacións públicas”. Así de contundente é o profesor Jordi Xifra coa situación actual das relacións públicas en materia de investigación en España, sinalando o gran sentimento “de inferioridade” provocado por unha falta de identidade e “que acaba desmoralizando”, explica este experto, un dos principais referentes nacionais en comunicación. Xifra abandonou por uns días a súa universidade, a Pompeu Fabra, para impartir clases esta semana ao alumnado do Máster en Investigación en Comunicación no campus de Pontevedra.

Para amosar a distancia “abismal” que existe entre a concepción científica das relacións públicas en Estados Unidos e en España, o especialista afonda na liña de traballo americana, exemplificando que na actualidade moitos investigadores toman como referente discursos de famosos “para crear, reformular ou reforzar unha nova aproximación teórica”. Un dos casos que se está a analizar nestes momentos é o nivel de reputación de Dominique Strauss-Kahn e a influencia do proceso xudicial sobre a opinión pública. “Moitos especialistas queren comprobar que correlación hai entre a imaxe que ten a cidadanía e o veredicto do xurado nos casos que van a xuízo”, xa que conseguir a absolución “non significa que o tribunal da opinión pública estea de acordo”. Como consecuencia, dun exemplo práctico créase unha nova corrente de estudo “que provoca que a disciplina estea continuamente renovándose”.

Sen embargo, a situación é ben diferente en España, xa que “non se dá superado esa etapa de confusión”. Xifra destaca que as relacións públicas “están un pouco verdes” tanto na teoría como na práctica, polo que a clave pode estar na busca de sinerxías con outras disciplinas, “analizando o fenómeno vinculado ao turismo, ao deporte, á socioloxía...”. Aínda así, advirte que non está "todo perdido", pois pódese aproveitar a experiencia foránea "e subirse ao tren da actualidade".

Publicar fóra

Ante esta situación, investigadores que queiran dar un salto cualitativo no estudo das relacións públicas “non teñen máis remedio que publicar en revistas especializadas estranxeiras, sobre todo nas americanas e inglesas”. Para Xifra esta situación marca un gran reto para os novos estudosos e estudosas xa que “terán que dominar perfectamente o inglés ou rascarse o peto para traducir os seus textos”. El decidiu hai moitos anos dar ese paso converténdose así nun dos principais expertos en comunicación nacional que máis publica alén das fronteiras españolas. “Que unha revista internacional acepte o teu artigo supón unha satisfacción enorme, de aí que pague a pena o esforzo”, recoñece. Como consecuencia, Xifra tamén é unha das referencias españolas máis citadas en publicacións de comunicación internacionais.

A Universidade de Vigo, en boa posición

Bo coñecedor do panorama investigador das relacións públicas en España, Xifra recoñece que hai poucas universidades que conten con persoal especializado no tema, destacando unicamente tres: a Pompeu Fabra, a de Málaga e a de Vigo. Unha das causas, segundo o experto, a falta de interese por parte do novo alumnado en continuar a carreira investigadora por este eido, “pois as novas xeracións prefiren o camiño profesional”, conclúe.