DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Maiores e nenos achegáronse ao campus para participar nas 'VIII Xornadas interxeracionais'

Os "expertos" en xogos intercambian coñecementos e experiencias

A cita reuniu a arredor dun cento de persoas de diferentes idades

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 14/04/2011
Este xoves o campus de Ourense acolleu un encontro moi especial, o duns auténticos “expertos” en xogos. Non teñen estudos ao respecto pero si moitas horas de práctica que lles avalan no seu coñecemento da materia. Son preto dun cento de nenos e nenas e maiores que se achegaron ao campus de Ourense a compartir cos universitarios un día de diversión nas VIII Xornadas interxeracionais. Con esta mestura os organizadores queren contribuír a rachar a tradicional separación por idades que existe á hora de gozar do ocio.

A xornada, organizada polo alumnado de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación, o CEIP Mestre Vide e a Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos, comezou cun pregón de Angélica Ferro, psicopedagoga do campus. Ferro animou aos participantes a “sacarlle todo o xugo a esta experiencia xogando, conversando e rindo” pois, salientou, é unha “oportunidade de enriquecemento mutuo”. Unha visión compartida por Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación, para quen esta iniciativa “amosa que o xogo é unha forma de encontro entre as diferentes xeracións, un encontro que ten o seu escenario neste campus”.

Con moito entusiasmo

Con esta filosofía de fondo, os arredor de cen rapaces e adultos comezaron a compartir xogos. Como era maioría o público infantil, a diversión comezou cantando en roda unha das cancións máis populares entre os máis pequenos da casa, Un tallarín, de Los Cantajuegos. A partir de aí desenvolveuse un amplo programa no que se incluíron xogos de grupo, xogos tradicionais e ioga. Mentres os rapaces se amosaban moi entusiasmados por cambiar un día de clase por un día diferente e de xogos, os maiores estaban moi contentos de compartir esta experiencia cos rapaces e tiñan moitas gañas de “picalos” durante os xogos, como salientaban antes de comezar Mª Teresa Abellán e Concha Estrada, dúas das participantes adultas.

O programa da xornada complétase cunha sesión de contacontos a cargo de Celso Fernández e a representación da obra de teatro O educador social en Alasca. Historia dun educador social perdido nuns servizos sociais entre Extremadura e Alasca, unha peza na que se aborda con moito senso do humor as dificultades no exercicio desta profesión.

Un día de ocio e xogo que como sinala Marisa Justo, coordinadora das Aulas da Terceira Idade de Ourense, “amosan que maiores e rapaces teñen moito máis en común do que parece nun primeiro momento e sobre todo cando se trata de xogar”. Como mostra apunta o entusiasmo que se palpaba en cada xogo e o feito de que entre participantes se crean vínculos e cada ano repeten experiencia.