DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No III Curso de Vendaxes Funcionais na Facultade de Fisioterapia

Os fisioterapeutas especialízanse na prevención de lesións no deporte

O prazo de inscrición estará aberto ata este xoves

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 14/06/2011

O eido do deporte é un nicho laboral importante para os fisioterapeutas, polo que, para completar a formación dos seus titulados, a Facultade de Fisioterapia organiza o III Curso de Vendaxes Funcionais no Deporte, no que durante dous días, o 17 e o 18 de xuño, os asistentes aprenderán “a protexer as articulacións dos xogadores limitando o seu movemento para evitar futuras lesións”, explica Gustavo Rodríguez Fuentes, director do mesmo. Con prazas dispoñibles, o prazo de inscrición estará aberto ata este xoves 16 de xuño, dirixido principalmente aos titulados e ao alumnado dos últimos cursos do grao en Fisioterapia.

“Debido a que cada vez un maior número dos nosos titulados atopan traballo con deportistas, en instalacións ou en clubs deportivos, o curso naceu hai un ano polas demandas dos propios estudantes, pois, durante a carreira aprenden soamente tres ou catro vendaxes básicas e queren afondar máis”. Deste xeito, no curso aprenderán as principais aplicacións das vendas elásticas e inelásticas adhesivas “para evitar nos deportistas posibles sobrecargas nos ligamentos, cápsulas articulares ou na musculatura”.

10% teoría, 90% práctica

Rodríguez Fuentes salienta que se trata dun curso eminentemente práctico cunha breve introdución teórica “no que o 90% das sesións estarán dedicadas a coñecer de primeira man como se realizan este tipo de medidas preventivas”. Durante os dous días os asistentes “lembrarán os principios básicos de aplicación das vendaxes no eido deportivo, coñecerán as principais aplicacións nas distintas zonas corporais e adquirirán a habilidades e destrezas necesarias coa propia práctica de vendaxes no membro inferior (en dedos, na planta do pé, no nocello, no xeonllo, na rótula ou no tendón de Aquiles), no membro superior (en dedos, en muñeca, no cóbado, no ombro), nas costelas e no tronco.

Formalización da matrícula

Cun prezo de 135 euros, os interesados pódense inscribir a través do correo electrónico gfuentes@uvigo.es ou ben no número de fax 986801780, mandando unha copia do DNI e do título, ademais da folla de preinscrición que se pode atopar na páxina web http://webs.uvigo.es/gfuentes/cursos.htm. O criterio de admisión é por estrito orde de chegada, polo que todas aquelas persoas que non acaden praza no curso, quedarán nunha lista de agarda para a seguinte edición do mesmo.