DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comeza na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo o Curso de Competencias Directivas

Os futuros directivos aprenden a xestionar eficazmente o tempo

Salientan a importancia de marcar obxectivos e prazos e non deixarse levar pola urxencia do día a dí

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/06/2011
O día a día de calquera persoa que xestione proxectos, empresas ou institucións está marcado pola atención a chamadas telefónicas, correos electrónicos, reunións e moitas outras tarefas. Nesta situación, saber xestionar con eficacia o tempo pasa a ser unha ferramenta fundamental para a supervivencia. Para amosar a directivos e futuros directivos como facelo, o profesor e secretario da Confederación de Empresarios de Ourense Juan José Molinos foi o encargado de ofrecer a primeira sesión do Curso de Competencias Directivas que acolle ata o 24 de xuño a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

A iniciativa, que forma parte da programación de cursos de verán do campus de Ourense, está organizado pola Cátedra Bancaja Xoves Emprendedores da Universidade de Vigo e conta co patrocinio desta cátedra, da Deputación de Ourense e da Vicerreitoría do Campus de Ourense. Durante os días 16, 17, 23 e 24 de xuño, as 25 persoas inscritas afondarán nas técnicas e instrumentos vinculados á dirección e á colaboración con persoas e equipos. “As competencias de traballo en equipo, a xestión do tempo ou a comunicación asertiva constitúen elementos necesarios para o desenvolvemento persoal en todos os ambientes laborais e por ese motivo é fundamental traballar sobre elas”, salienta Ana Gueimonde, directora do curso xunto a Nuria Rodríguez.

Visión e prazos

Precisamente a xestión do tempo foi o tema central elixido este xoves para a primeira sesión de traballo, que correu a cargo de Juan José Molinos. “É fundamental aprender a optimizar o tempo, que é limitado, para evitar o estrés, a frustración e a insatisfacción”, advirte. Entre os instrumentos para acadalo, Molinos apunta a importancia de xestionar ben a axenda diaria, facendo o importante e non o inmediato, organizar ben as reunións, saber delegar e ser asertivos.

“Non podemos deixarnos comer polo día a día. Un debe ter unha visión, marcarse uns obxectivos e un camiño e establecer prazos razoables nese traxecto. Se non temos un obxectivo non temos a onde chegar e vas dando bandazos”, salienta Juan José Molinos. Unha filosofía que, explica, non só se debe aplicar á vida profesional senón tamén á persoal e á compaxinación de ámbalas dúas. Xunto a estas cuestión, o profesor apunta a importancia de asumir que o tempo e a vida son limitados e xestionalos en consecuencia. “Só cando temos unha ameaza, como unha enfermidade por exemplo, nos convencemos a nós mesmos de sacar o máximo partido a cada día cando esa debera ser o noso obxectivo vital”, destaca.

Visita a Inditex, recursos humanos e coaching

O Curso de Competencias Directivas continuará o venres 17 cunha visita ás instalacións da empresa Inditex na Coruña. O día 23 de xuño retomaranse as sesións de traballo na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo con Avelino Cerdeira, responsable de proxectos de recursos humanos de Improvia. Para rematar, o día 24 celebrarase un obradoiro de debate a cargo de Joaquín Dosil, Santiago Martínez e Daniel Álvarez, da consultora de coaching empresarial Qcoach.