DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración coa asociación ANDREA

Os futuros educadores coñecen as posibilidades curativas dos asnos

En persoas con síndrome de down, autismo ou alzheimer a través de terapia con animais

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 10/02/2011
Os profesionais que se gradúen na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense enfrontaranse no seu desenvolvemento profesional ao reto de ter que escoller as mellores metodoloxías para acadar os obxectivos educativos ou sociais que se marquen. Este xoves tiveron a oportunidade de coñecer en profundidade unha delas, a terapia asistida con asnos para persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sociais.

Elsa Pérez, psicóloga da Asociación Nacional para a Defensa, Recuperación e Estudo Terapéutico da Especie Asnal ANDREA, explicou aos estudantes desta facultade o traballo que a súa entidade realiza desde 2005 en Allariz. “O que facemos é utilizar a mediación terapéutica do animal para traballar a nivel integral as capacidades da persoa”. Para facelo contan con 14 burros e un equipo de profesionais multidisciplinar formado por psicólogos, psiquiatras, veterinarios e psicomotricista. A Universidade colabora estreitamente con esta asociación na organización de ciclos de formación en terapia asistida con animais, no que se unen os esforzos de ambos organismos.

No centro realizan un deseño terapéutico específico para cada persoa, en base ás súas características e necesidades. Principalmente, sinala a psicóloga, teñen pacientes con síndrome de down, autismo, alzheimer, hiperactividade e parálise cerebral. A través das actividades cos asnos e grazas aos vínculos emocionais que se establecen entre o paciente e o animal, as persoas van mellorando aspectos de tipo físico, como o equilibrio e a psicomotricidade, e de tipo comunicativo, social, emocional e cognitivo.

O vínculo emocional e cognitivo

“O burro é un ser vivo e ao estar traballando cun ser vivo estás interacionando emocionalmente, algo que non se produce por exemplo en terapias con obxectos” destaca a psicóloga. No momento en que se produce esa conexión emocional, explica Elsa Pérez, tamén se estimulan as funcións cognitivas, como a memoria, a aprendizaxe e a atención, procesos que en persoas con discapacidade están moi presentes.

Para que se produzan estes efectos positivos, a psicóloga salienta o factor fundamental de que “o burro é un animal que traballa a nivel emocional, motiva á actividade, incentiva facilmente á xente a achegarse a el, a tocalo, a interacionar con el. É unha figura moi presente na cultura galega, onde está considerado como moi entrañable”.

Os resultados da aplicación desta terapia están sendo, segundo sinala Pérez, “moi satisfactorios”. Por este motivo bota en falta máis apoio institucional para conseguir chegar a máis xente e facelo dun modo continuo, non só en programas dunha duración concreta. De todos os xeitos, explica, unha vez rematada a terapia “hai un vínculo moi grande entre a persoa e o animal polo que volven a miúdo a visitalos animais coa familia e amigos”. No mes de abril ANDREA retomará as actividades do programa, xa que en inverno non realizan terapia porque precisan de espazos ao aire libre.