DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Delegación de Alumnos da ETSE de Minas organiza o I Foro Interactúa

Os futuros enxeñeiros coñecen a realidade empresarial da man de profesionais do sector tecnolóxico

A través de relatorios e conferencias que botan a andar este xoves

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Jessica Fdez. DUVI 16/10/2012
"Imaxina, pensa, constrúe e cuestiona”. Este é o lema que resume os valores que tentará transmitir o I Foro Interactúa, un ciclo de conferencias organizado dende a Delegación de Alumnos da ETSE de Minas que pretende converterse nun punto de unión entre estudantes e profesionais. Afastándose da tradicional clase maxistral, “queremos que os futuros profesionais se lancen a preguntar aquelas cuestións para o que aínda non teñen resposta, sacando a luz a súa curiosidade polo coñecemento e a súa inquietude intelectual”, indica Alexandre Casal, coordinador do evento.

Conferencias pensadas para o alumnado

Malia que o I Foro Interactúa está dirixido a todos aqueles interesados no ámbito tecnolóxico que desexen coñecer cal é a situación do sector na actualidade, dende a organización pensan “especialmente no alumnado das diferentes enxeñarías, xa que poder manter unha conversa, xerar un debate ou resolver as dúbidas con expertos é unha grande oportunidade para crecer a nivel profesional”. Por esta razón, as xornadas adaptaranse aos horarios que máis conveñan aos participantes, “intentado que afecten o menos posible á actividade docente e adaptándonos ás necesidades dos poñentes”, puntualiza Casal.

Participantes e programa

As xornadas impartiranse na aula de grao da ETSE de Minas e terán unha duración aproximada dunha hora e media. Comezarán o xoves 18 ás 18.00 h da man de José Lamazares Hermida, enxeñeiro de Minas pola Universidade de Vigo e director de proxectos en Sibelco Southamerica en Sao Paulo, que achegará aos estudantes a súa experiencia internacional.

A seguinte conferencia, que será o 23 de outubro as 16.00 h, correrá a cargo de Roberto C. Villas, investigador del CETEM, Centro de Tecnoloxía Mineral de Brasil, e consultor de varios programas para a minería en organismos coma o PNUMA, APELL ou CYTED, que fará unha aproximación á sustentabilidade na industria dedicada á extracción de minerais.

Ademais de profesionais procedentes de empresas foráneas, contarase coa colaboración de Antonio Casal, director de ENCE Enerxía e Celulosa SA, primeira empresa de Europa en produción de celulosa de eucalipto. O programa para o mes de novembro e as novidades poderanse consultar na páxina web do Foro Interactúa.Todos os interesados poderán formalizar a súa matrícula enviando un correo electrónico a forointeractua@gmail.com indicando o seu nome, apelidos, DNI e titulación ou a través da páxina do Facebook das xornadas.