DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada organizada pola Cátedra Ence

Os futuros enxeñeiros e enxeñeiras forestais póñense ao día nos últimos modelos de xestión da calidade

Profesionais da empresa explicáronlles o modelo TQM aplicado a operacións forestais como a selvicult

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 24/04/2013

Que son os manuais operativos, como se elaboran e como se implantan son algunhas das cuestións ás que se intentou dar resposta na I Xornada Formativa na Calidade Total na Xestión (TQM), unha actividade organizada pola Cátedra Ence co obxecto de achegar o proceso de implantación do modelo Xestión da Calidade Total ao alumnado dos últimos cursos da Escola de Enxeñaría Forestal no seu ámbito de traballo .

Durante sete horas os alumnos e alumnas asistentes ao curso, que se desenvolve nas propias instalacións da Escola de Enxeñaría Forestal, repasaron os conceptos que xiran ao redor do modelo TQM e as súas principais ferramentas, da man do director da planta de Ence na cidade, Antonio Casal. Acompañárono ao longo da xornada o director de Aproveitamentos Norte ENCE, Miguel Lara; o responsable de I+D, Alberto Bouzón; o xefe de área de patrimonio, José Antonio Taibo; o encargado de Selvicultura, Juan José Carballido e a enxeñeira de procesos Iria González.

A incorporación desta ferramenta ou modelo de xestión da calidade na formación do alumnado supón introducir técnicas innovadoras nos procesos de explotación racional dos recursos forestais galegos. No que atinxe á organización deste tipo de actividades, o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, resaltou a oportunidade que teñen os alumnos e alumnas da escola de continuar formándose a través deste tipo de iniciativas e tamén de “achegarse á realidade do mercado laboral, en moitos casos, por primeira vez, grazas aos convenios de prácticas existentes con esta e outras empresas”. Esta posibilidade de resulta de “moito interese” para os estudantes quen deciden participar activamente nestas e noutras propostas.

Colaboración ENCE/Universidade

Levar a calidade a todos e cada un dos procesos internos e externos dunha determinada organización, o que permite unha mellora substancial na súa organización e eficiencia, é o obxectivo principal desta xornada organizada pola Cátedra ENCE. Un proxecto que nace trala colaboración entre a Universidade de Vigo e a empresa pontevedresa promovendo, entre outros, proxectos de investigación no ámbito da enxeñería forestal como soporte ao desenvolvemento de novas tecnoloxías. Neste sentido, Valero, quixo salientar os resultados que está a ter este traballo conxunto no eido da investigación onde xa se elaboraron estudos sobre o cambio climático ou o aproveitamento en masas forestais e biomasa.