DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os futuros enxeñeiros industrias celebran os seus patróns

Sendas festas para San Pepe e San Pepito

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Romina Vázquez DUVI 02/04/2008
Soundshepard, Phobia, Tanghana´s show, Baldosa Amarilla e Dj Manson son os grupos musicais que ambientarán a festa que os alumnos da ETSE Industrial preparan para este venres con motivo da celebración do seu patrón, San Pepe.
A Praza Miralles acollerá a partir das 12 da mañá os festexos, que inclúen xogos como a carreira de sacos, o tiro da corda, o twister e o campionato de pedra-papel-tixeira, nos que poderán participar todos aqueles que o desexen. Ademais, durante toda a xornada, os membros da organización venderán comida, xeo e bebidas co obxectivo de recadar fondos para a viaxe de fin de curso. Xa entrada a noite, a festa continuará nos locais de copas Modo, Duo, La Cadiera e Quomo, todos eles no centro de Vigo.
Os actos para festexar San Pepe inclúen a celebración de torneos de baloncesto, fútbol 7, ping-pong, proevolution soccer, poker, tute e póker que se levan desenvolvendo toda a semana nas instalacións do campus e da propia Escola.

A EUET Industrial festexa o San Pepito

Pola súa banda, os estudantes de EUET Industrial teñen prevista unha festa na Sala A! para homenaxear a San Pepito. Así, mañá a partir de medianoite, Djs e Vjs do Colectivo Coolwork ambientarán a celebración cos seus estilos musicais, como son o house, technohouse e techno. Ademais, a entrada ao local da dereito a participar no sorteo de diversos regalos, entre os que destacan piercings, camisetas e MP3.
A diferenza do San Pepe, esta é unha festa benéfica na que os fondos recadados irán destinados a axuda social.