DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Delegación de Alumnos do centro organiza o ‘Fisiotorneo’, que se celebra o 17 de novembro

Os futuros fisioterapeutas prepáranse para saltar ao campo de fútbol

O período de inscrición estará aberto ata o 10 de novembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 07/11/2011
Cada vez máis clubs deportivos teñen no seu plantel un equipo de fisioterapia. Por este motivo, dende a facultade pontevedresa organizan o Fisiotorneo, un campionato de fútbol sala “co que se pretende promocionar o exercicio entre os universitarios e universitarias e dar a coñecer o noso papel no eido do deporte”, explican dende a Delegación de Alumnos do centro. O torneo, que se celebrará o vindeiro 17 de novembro no pavillón universitario do campus, está dirixido aos membros da comunidade universitaria, aínda que poderá participar toda a cidadanía en xeral, sempre que sexa maior de idade.

Ademais de conseguir financiamento para a viaxe fin de curso, o campionato serve de excusa para amosar a importancia e a presenza da fisioterapia no eido do deporte. “Aproveitamos todos os medios materias que temos a nosa disposición para levar unha vida saúdable e reivindicamos a nosa presenza no campo e no ámbito deportivo en xeral”, aclara o comité organizador. Deste xeito, organizan paralelamente unha unidade de fisioterapia, na que colaborarán estudantes de 3º e 4º do grao, guiados por fisioterapeutas titulados e “que estarán a disposición dos xogadores no caso de que necesiten asistencia”.

Aclaran que grazas aos medios de comunicación, o papel do fisioterapeuta no deporte é cada vez máis coñecido pola sociedade en xeral. Aínda así, consideran moi necesaria a promoción da profesión, extendendo a súa presenza a outros campos nos que a súa práctica é fundamental. “Unha parte importante da cidadanía aínda pensa que a fisioterapia se reduce ás masaxes ou ao coidado e recuperación das persoas maiores ou con algún tipo de disfunción”, sinala o alumnado. Engade que a súa función nas diferentes etapas de recuperación dunha lesión deportiva é imprescindible, “sen esquecerse dos beneficios da fisioterapia para prever futuras eivas físicas”.

Un torneo nocturno

Para non entorpecer o horario das clases, o torneo botará a andar ás 20.00 horas e xogarase ininterrompidamente ata as 9.00 horas do día seguinte. Partiparán un total de 16 equipos, cada un cun mínimo de cinco xogadores. En primeiro lugar deseñaron unha fase de grupos de catro equipos cada un, “na que se enfrontarán todos contra todos”. Desta primeira fase clasificaranse os dous primeiros equipos de cada grupo, que disputarán os cuartos de final “e a partir de aí, sairán os semifinalistas, os finalistas, o 3º e 4º posto e o gañador”. Haberá premio en metálico para os mellores tres equipos participantes, recibindo o primeiro clasificado 200 euros, o segundo 70 euros e o terceiro 35 euros.

Todos os interesados en participar no Fisiotorneo poderán inscribirse ata o 10 de novembro de 2011, ben na delegación de alumnos da Facultade de Fisioterapia, ben no correo electrónico fisiotorneos@gmail.com ou no teléfono 687002426, cun custe de 35 euros.