DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais

Os futuros profesionais do cine e TV fórxanse baixo unha formación completa e adaptada á realidade galega

Cada un dos docentes está recoñecido como guionista, director e produtor á vez

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 24/01/2011

Acabado o primeiro cuadrimestre dun curso totalmente adaptado ao EEES, algunhas das novas titulacións comezan xa a facer un primeiro balance. No caso do Máster en Creación, Desenvolvemento e Comercialización de Contidos Audiovisuais, a súa coordinadora, a profesora Anna Amorós, destaca que se ofrece ao alumnado unha boa opción para conseguir unha formación completa e totalmente adaptada ao panorama do audiovisual en Galicia e salienta a innovación que supón a súa implantación tanto en Galicia como a nivel nacional porque “é un mestrado completo, que por si só inclúe todo o proceso dun contido audiovisual”. Ademais, este coñemento da realidade do sector despréndese do feito de ter no seu equipo docente a profesionais recoñecidos, que “non só se dedican ao mundo audiovisual, senón que, cada un deles, está recoñecido como guionista, director e produtor”, engade a coordinadora.

Deste xeito, para os organizadores deste mestrado converteuse en imprescindible que o 50% do profesorado estivera conformado por profesionais do eido audiovisual galego cun gran percorrido e experiencia, coñecedores da realidade na que progresivamente se irán incluíndo os 22 alumnos e alumnas. En palabras de Anna Amorós, “estableceuse como requisito imprescindible para escoller o equipo docente que en todos eles coincida a tripla figura do guionista, director e productor, profesionais que apareceron en x producións como guionista, en x producións como director e en x producións como produtor, sendo os que mellor definan a realidade do sector en todos os ámbitos”. Como apunta a coordinadora, en moitas ocasións escríbense guións que por diversas incompatibilidades non poden ser rodados, “o que desencadea que moitos produtos bos queden na neveira sen difundir”, de aí o interese dun profesorado cunha tripla perspectiva, para marcar a importancia de que todos os procesos de elaboración da peza audiovisual deben estar adaptados e axustados a unha realidade común.

Por outra banda, outra condición que os coordinadores do mestrado marcaron desde un principio é que os profesionais escollidos para dar clase, ademais de contar cunha traxectoria dilatada, fosen de orixe galego, pois “serán os que mellor coñezan o terreo onde potencialmente traballarán os nosos estudantes”, aclara Anna Amorós. Semella que atinaron coa escolla do equipo de profesorado porque segundo as enquisas de avaliación do persoal docente do primeiro cuadrimestre, “dun 5 como nota máxima, o alumnado puntuou cun 4,53 ao seu profesorado, o que se traduce nun sobresaínte alto, están contentos con nós”, explica a coordinadora.

Un mestrado completo

Este mestrado supón unha innovación tanto na oferta académica galega como nacional porque é o único que contempla no seu plan de estudos todo o proceso dun contido audiovisual. Segundo explica a profesora Amorós “estamos ante un mestrado completo que naceu para cubrir a carencia que existía en Galicia na parte creativa, e en España complementou os mestrados de creación de ideas existentes co seu módulo de comercialización”. Pero, ademais de incluír os dous módulos especializados na creación e na comercialización dos contidos audiovisuais, este mestrado da Universidade de Vigo introduce dúas materias transversais, as adaptacións e análises e reescritura narrativa (os remakes), novidades tamén deste plan de estudos.

Debido a súa formación completa, o alumnado procede de todas partes do mundo, tanto é así que “as primeiras prazas cubrímolas con xente de Cataluña e ata de Latinoamérica”, apunta a profesora. O perfil do alumnado correspóndese con licenciados no sector da comunicación, pero tamén conta “con titulados en humanidades e xente do campo literario así como persoas que exercen a profesión e lles interesa ter un título oficial”. Nestes días os responsables do mestrado atópanse coordinando as prácticas dos 22 alumnos, sempre tendo en conta as súas preferencias, pois como conclúe Anna Amorós, “temos que darlle a posibilidade de que cumpran coas súas expectativas, ofertándolle empresas nas que mellor encaixen”.