DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito da colaboración entre Esdemga e a Cidade da Cultura

Os gañadores de Debut 2011 enfían as súas agullas con tecido sonoro

David del Río, Adrián Rivas e Antonio J. Santos deseñaron tres traxes coa tea 'Sonic Fabric' de Alyc

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 15/12/2011

Os novos talentos da moda non saben de límites e de esta volta atrévense a integrar música entre as súas puntadas. A Cidade da Cultura acolleu este mércores a presentación pública dunha colección “moi sonora” ideada polos tres gañadores de Debut 2011, David del Río, Adrián Rivas e Antonio J. Santos, en colaboración coa artista americana Alyce Santoro, creadora do Sonic Fabric, un tecido sonoro feito con cinta de casete e algodón, a partir do cal se desenvolveron os estilismos. Os recén titulados de Esdemga, Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galiza, crearon cadanseu traxe sonoro, “unha experiencia moi enriquecedora, innovando e inventando con materiais que non acostuman estar ao noso alcance”, explicaron os novos modistos.

Como salienta David del Río, o material sorprende, ademais da súa textura, “por todo o contido que leva dentro” xa que é audible, isto é, pódese escoitar a música que ten gravada a cinta ao pasar o cabezal dun radiocasete pola superficie. Para a súa presentación en Galicia, Alyce Santoro decidiu confeccionar unha tea cos arquivos sonoros dixitais remitidos por máis de sesenta bandas e músicos galegos, entre as que se atopan Berrogüetto, a Nadadora ou Niño y Pistola. Listos os 25 metros de tea, os tres ex alumnos de Esdemga encargáronse de darlle forma. “O tecido é realmente impresionante, semellante ao lino rústico pero cun acabado brillante, sendo moi sinxelo manipulalo”, explicou Del Río.

Inspiración na sonoridade

Foron os sons autóctonos que contén o Sonic Fabric os que inspiraron ao vencedor de Debut 2011 para o desenvolvemento das súas propostas. Así presentou unha reinterpretación da saia do traxe tradicional galego, combinándoa cun xersei tecido a man con cintas de algodón e cinta magnética. Pola súa banda, Adrián Rivas, partidario dunha estética máis pop, explicou que o tecido pode tamén ser empregado en innumerables propostas dada a súa maleabilidade, “facilitando o desenvolvemento do imaxinario persoal de cada un”.

A presentación do traxe sonoro contou cun espectáculo multidisciplinar no que ademais de música, moda e deseño, déronse cita paisaxistas sonoros como Juan Gil, de escoitar.org; artistas de vídeo como Horario González; e da danza, como Ángela Blanco, que actuou cun dos traxes sonoros presentados.

Partidarios da experimentación

Os tres novos deseñadores posiciónanse a favor de este tipo de colaboracións conxuntas entre modistos, artistas, músicos, institucións... “na procura de cousas novas, diferentes, que axuden á evolución constante da moda”, explicaron. En este caso, traballar man a man cunha artista que innova na fabricación de tecidos supón, para os novos talentos, un paso cara adiante na súa experiencia “traballando cun concepto innovador ao que nos podemos atopar nas tendas habituais da nosa contorna”, engadiu Rivas. Para eles a moda é unha forma de vida “que non debe respectar radares e que sempre debe estar experimentando”.

Son conscientes de que o negocio da moda está a pasar por uns momentos delicados como consecuencia da crise económica, pero mantéñense optimistas “pois estamos nun sector moi excitante con moitas posibilidade e non debemos esquecer que vivimos nunha sociedade baseada no consumo”, declarou David del Río.

Despois desta experiencia con novos materiais, a vida profesional destas novas promesas da moda continúa. Mentres que Adrián Rivas está en fase de preselección para entrar a traballar en algunha empresa do téxtil galego, David del Río atópase inmerso no deseño da colección que presentará o vindeiro 5 de febreiro no Ego de Cibeles Fashion Week.