DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conselleiro e os tres reitores presentaron este venres a nova acreditación

Os graos universitarios terán un selo de excelencia que recoñeza a súa calidade académica

As universidades teñen dous meses para presentar solicitudes a partir do día 10 de outubro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 06/10/2023

As universidades públicas galegas poderán recoñecer e acreditar a calidade académica dos seus estudos de grao cun selo de excelencia, unha distinción que será unha garantía do alto nivel académico dos estudos que a reciban. Así o explicaron este venres en Santiago de Compostela o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e os reitores das tres universidades galegas, Manuel Reigosa, da UVigo, Antonio López, da USC e Julio Abalde, da UdC, que estiveron acompañados polo director xeral de Feuga, Francisco Javier Pereiro, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

O obxectivo deste novo selo de excelencia é sensibilizar a comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse ás transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento. Ao mesmo tempo, procúrase aliñar o deseño das titulacións de grao coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades publicará o vindeiro día 10 no Diario Oficial de Galicia a orde reguladora deste selo de excelencia para os graos, que incluirá tanto os requisitos previos como os criterios de avaliación. Para acadar este selo, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/2019 e continuar na actualidade. Cada universidade poderá presentar tres solicitudes como máximo no prazo de dous meses desde a publicación da orde no DOG. 

Recoñecer a excelencia e o traballo docente

No acto de presentación, Román Rodríguez destacou que este novo selo de excelencia supón “un paso máis no camiño de vangarda, de procura da excelencia e de adaptación da oferta das universidades galegas á realidade social”, ao tempo que “favorecerá a competitividade destas titulacións acreditando o seu elevado nivel académico e a solvencia científico técnica e formativa dos graos”. Ademais, o conselleiro fixo fincapé en que esta distinción tamén supón “recoñecer o traballo docente na medida en que incentiva o seu labor, a súa implicación, o fomento da investigación e a transmisión de coñecemento”. 

Román Rodríguez enmarcou esta nova distinción nas diferentes medidas impulsadas desde o Goberno galego para fomentar a excelencia e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade. Entre elas, destacou o Mapa de Titulacións 2021-2026 para a implantación dunha decena de másteres e unha ducia de novas titulacións de grao nos sete campus galegos que doten a Galicia de profesionais cos perfís adaptados ás necesidades da sociedade futura”. Tamén o deseño dun modelo de titulacións duais, “no que Galicia é pioneira e que permite ao alumnado combinar a súa formación con contrato laboral regrado e remunerado nunha empresa”.

Ademais, este novo selo súmase ao de máster de excelencia, implantado hai tres anos e que co que xa contan nove titulacións.

Criterios de avaliación

No que atinxe aos criterios de avaliación, establécense un total de oito: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un deles será valorado cun máximo de 10 puntos, agás no caso da estratexia e resultados (máximo de 25 puntos) e da exposición da proposta (ata 15 puntos).

Nestes bloques valoraranse cuestións como as taxas de ocupación, graduación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento rexional e a súa relación co entorno e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao alumnado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras. Así mesmo, teranse en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, ítems como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente investigador. Finalmente, a exposición da proposta debe indicar con claridade os obxectivos acadados e futuros, a identificación de fortalezas e debilidades na actualidade, o compromiso coas estratexias de innovación docente e a planificación de actuación de mellora continua.

O selo de grao de excelencia terá unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, e continuará con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026.