DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En dúas publicacións presentadas por Salustiano Mato, Mª Victoria Jato e Francisco Rodríguez

Os grupos do campus e do CITI amosan as súas capacidades en I+D+i

O seu obxectivo é dar a coñecer e potenciar o traballo dos 46 equipos de investigación ourensáns

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 19/07/2011
O campus de Ourense conta con 46 grupos de investigación activos nos diferentes ámbitos de coñecemento e un centro de investigación como é o CITI. Calquera persoa ou entidade interesada en coñecer as oportunidades que ofrecen conta desde este martes con dous documentos de referencia. Son os catálogos do Campus de Ourense e do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI, presentados por Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do Campus de Ourense; e Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense.

O Catálogo do Campus de Ourense ofrece os datos de contacto, liñas de investigación e actividades de 46 grupos de investigación, 9 do ámbito científico, 9 do humanístico, 13 do ámbito tecnolóxico e 15 do xuridico-social. O Catálogo do CITI presenta as instalacións, servizos e equipamento desta infraestrutura e do CACTI e, ao igual que no caso anterior, ofrece os datos de contacto, liñas de investigación e actividades dos 11 grupos de investigación que traballan nel. Os documentos, editados en papel, estarán dispoñibles en versión electrónica e traducidos a castelán e inglés proximamente a través da web da Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do campus de Ourense.

Cooperación intelixente

“Con estes catálogos queremos plasmar unha realidade, que é o potencial e a capacidade que teñen os grupos de investigación do campus de Ourense”, destacou Salustiano Mato durante a súa presentación. Sobre este potencial, o reitor fixo fincapé en que “alcanzada xa a madurez é o momento de dar un salto cualitativo, da cooperación intelixente e de marcármonos retos máis importantes”. Neste senso apuntou a aposta do campus ourensán por aproveitar as oportunidades que ofrece a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal-Castela e León e o Campus da Auga. “Tedes que estar moi orgullosos do que sodes e máis do que ides a ser”, dixo o reitor aos investigadores ourensáns presentes no acto.

Na mesma liña, Mª Victoria Jato salientou que actualmente “o campus de Ourense acadou un nivel de investigación salientable, notable” e amosou a súa confianza en que este nivel se afiance, a pesares da crise económica, unindo esforzos e cooperando. “O obxectivo destes catálogos é servir de nexo de unión entre os grupos de investigación e entre eles e a sociedade, para que esta coñeza as súas capacidades e se abran novas oportunidades”, apuntou.

Pola súa banda, Francisco Rodríguez destacou a importancia que ten para o futuro da cidade a “vontade inequívoca das dúas institucións (universidade e concello), de camiñar xuntas no que ten que ser a construción dun futuro para a cidade”. Neste senso destacou o papel que a investigación ten para o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e para o desenvolvemento económico e social dun territorio, neste caso Ourense.