DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Beatriz Mato asinou o convenio coas universidades galegas e co CSIC

Os grupos de investigación do SUG recibirán da Consellería de Traballo 250.000 euros para a creación de EBT's

Os tres reitores agardan “detalles concretos” sobre o plan de financiamento en próximas datas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 17/09/2010

A creación de empresas de base tecnolóxica é unha das ferramentas indispensables para a posta en valor dos coñecementos xerados polos grupos de investigación das universidades e para a transferencia de resultados á sociedade. Para dar un pulo a este tipo de iniciativas, no ano 2004 púxose en marcha o programa Empresa-Concepto, un proxecto que foi este venres revalidado pola conselleira de Traballo xunto cos tres reitores das universidades galegas e o presidente do CSIC.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, asinou xunto co reitor de Santiago, Juan Casares Long e o da Coruña, José María Barja, e o presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas, Rafael Rodrigo Montero, o convenio de colaboración coa conselleira Beatriz Mato que prolonga o programa Empresa-Concepto ata o 2012 e dótao para este bienio de 250.000.

Esta contía destinarase ás axudas que percibirán os grupos de investigación galegos que constitúan empresas de base tecnolóxica cos resultados do seu traballo creando negocios, en palabras da conselleira “cun plus de competitividade e innovación”. Este orzamento permitirá outorgar axudas aos proxectos avaliados positivamente para a posta en marcha das súas empresas, ofrecéndolles tamén aos grupos de investigación asesoramento de promotores tecnolóxicos e financiamento para traballos de consultoría ou procesos de avaliación da viabilidade.

Para as universidades, este tipo de empresas supón unha ferramenta de transferencia “minimizando o risco de entrada no mercado”, segundo apuntou a conselleira, deixando da man da universidades o lanzamento dos novos negocios.

36 empresas creadas en 6 anos

Dende a súa posta en marcha hai seis anos, ao abeiro do programa Empresa-Concepto puxéronse en marcha 36 novas empresas e foron avaliados preto de 60 proxectos. Para os vindeiros dous anos, dende a Consellería de Traballo e as universidades agardan analizar a viabilidade de 20 iniciativas empresariais de investigadores e investigadores emprendedores.

Á espera de avances no financiamento

Tras o acto de sinatura do protocolo de colaboración, os tres reitores referíronse, ante os medios de comunicación, ao novo plan de financiamento universitario. Ao respecto subliñaron que agardan poder coñecer detalles concretos en próximas datas xa que, aínda que “hai acordos e bases, non hai concreción”, apuntou José María Barja. En referencia ás demandas das universidades á Xunta de Galicia, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, salientou que se as universidades galegas sofren un recorte menor que a media, isto suporía “unha aposta do Goberno galego” por as institucións de educación superior, mentres que, de manterse como están, significaría “unha grande aposta”. Pola súa banda, o reitor compostelán, Juan Casares Long, subliñou en positivo que por primeira vez nun plan de financiamento universitario “a investigación ten cabida” nas partidas estruturais.