DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No 3º Encontro de Estudos sobre Cerámica Antiga do Noroeste Peninsular

Os historiadores coñecen de primeira man as ánforas romanas

Na cita participan destacados expertos estatais e lusos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 13/10/2011
No seu traballo de campo e investigación, historiadores e arqueólogos atópanse en numerosas ocasións con vestixios de cerámica que portan valiosa información do pasado. Sen embargo, á hora de realizar un estudo destas pezas, os profesionais vense limitados por dispor só de coñecementos teóricos. Para contrarrestar esta eiva formativa no caso concreto das ánforas romanas, o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo-GEAAT organiza os días 13 e 14 de outubro o Obradoiro Teórico Práctico sobre Ánforas Romadas de Produción Hispánica.

A iniciativa, que constitúe o 3º Encontro de Estudos sobre Cerámica Antiga do Noroeste Peninsular EDESCANOP, foi inaugurado este xoves por Fermín Pérez, director do Laboratorio de Arqueoloxía; Mª Victoria Carballo-Calero, catedrática da Facultade de Historia, e Darío Bernal, profesor da Universidade de Cádiz. Durante a súa presentación, Fermín Pérez salientou a excelente resposta que tivo a iniciativa entre o alumnado de Historia e arqueólogo e historiadores, inscribíndose arredor de 45 persoas nun curso que destaca especialmente polo seu carácter práctico e por reunir aos principais especialistas das zonas produtoras de cerámica máis importantes da época romana.

“O obradoiro permitirá aos historiadores, arqueólogos e estudantes tocar, ver, manexar e coñecer os diferentes materiais das pezas que aparecen nas súas intervencións ou estudos”, destacou Fermín Pérez durante a súa intervención. Este contacto directo coa cultura material que manexan os historiadores e arqueólogos tamén foi salientada por Darío Bernal, para quen a temática elixida é moi interesante xa que “as ánforas eran as latas de conserva da antigüidade”. Pola elección da temática e polos relatores que participarán, Mª Victoria Carballo quixo transmitir os parabéns aos organizadores da iniciativa.

Teoría e práctica

O Encontros de Estudos sobre Cerámica Antiga do Noroeste Peninsular arrincaron no ano 2007 como plataforma de reunión e discusión de especialistas en estudios cerámicos do Noroeste e evolucionaron cara un encontro concibido como unha actividade formativa, teórica e práctica, destinada a cubrir baleiros formativos de profesionais da arqueoloxía, estudantes de historia e investigadores. Co IIIº EDESCANOP, o LAUV-GEAAT recolle as demandas dos participantes da pasada edición, que lle trasladaron a necesidade de organizar un curso teórico sobre as ánforas de época romana. “Non obstante, o universo anfórico antigo é tremendamente amplo e complexo, polo que foi necesario acoutar o marco de estudio ás ánforas romanas de produción peninsular, deixando para futuras edicións outras produción anfóricas mediterráneas”, apuntan os organizadores da iniciativa.

Para cubrir todo o panorama anfórico peninsular de época antiga dende unha achega teórica e práctica, o IIIº EDESCANOP, destacan os organizadores, medra considerablemente fronte as pasadas edicións propoñendo dúas xornadas cos meirandes especialistas das tres zonas produtoras máis importantes en época romana, incluída Galicia. Con este obxectivo participan no obradoiro Enrique García Vargas, da Universidade de Sevilla, que afondará nas ánforas béticas do Val do Guadalquivir; Darío Bernal Casasola, da Universidade de Cádiz, que explicará as ánforas béticas costeiras; Carlos Fabião, da Universidade de Lisboa, que fará o propio sobre as ánforas lusitanas, e Rui Morais, da Universidade do Miño, que falará sobre as ánforas locais e rexionais da súa zona.