DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores, a partir das 12.30 horas, no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais

Os impactos dos transxénicos, na biodiversidade e no ser humano, centrarán un debate na Facultade de Bioloxía

Coa participación de representantes do Ministerio de Medio Ambiente, da empresa Monsanto e de grupos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Lucía Costas DUVI 18/05/2009

Os impactos que teñen os cultivos transxénicos sobre a biodiversidade e sobre a saúde humana será un dos eixes sobre o cal xirará un debate organizado pola Facultade de Bioloxía. “O coloquio afondarán sobre a natureza destes organismos e os seus efectos”, explica Pedro Pablo Gallego decano do centro. O debate xurde da necesidade de explicar que é o que está sucedendo agora cos transxénicos, “a raíz da recente prohibición en Alemaña de cultivar o millo MON 810, o que está a provocar que diferentes grupos ecoloxistas pidan que en España tamén se vete esta práctica”, sinala Gallego. De toda esta polémica volve emerxer o debate "transxénicos si ou non”.
No debate que terá lugar este mércores a partir das 12.30 horas no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais, participarán Tom Kucharz, da asociación galega Verdegaia; María Xosé Ogando, da Plataforma Galega Antitransxénicos; Concepción Novillo, técnico de asuntos regulatorios e científicos para España e Portugal da empresa agrícola Monsanto; José Ignacio Ortega, do Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino e o decano e biólogo, Pedro Pablo Gallego.

Un problema ambiental, social e económico

Os alimentos transxénicos son aqueles producidos a partir dun organismo modificado xeneticamente mediante enxeñaría xenética, isto é manipulando e transferindo ADN dun organismo a outro, posibilitando deste xeito a creación de novas especies, a corrección de defectos xenéticos e a fabricación de numerosos compostos.
O cultivo de produtos alimentarios transxénicos é un dos problemas actuais máis graves, tanto a nivel ambiental, como social e económico. “Achegar aos universitarios e ao público en xeral o problema dos transxénicos, considerados un perigo para a saúde e unha ameaza á biodiversidade é a finalidade desta actividade”, apunta Gallego. Neste senso, “a iniciativa xurde tamén por parte dos alumnos co obxectivo de afondar na cuestión, saber máis e coñecer as posturas das diferentes partes implicadas”, sinala o decano. Con anterioridade, a Universidade xa acollera unha serie de accións programadas por Greenpeace Pontevedra, en colaboración coa Plataforma Galega Antitransxénicos, co fin de fortalecer o movemento social contra os transxénicos e que consumidores e agricultores coñecesen e decidisen como e onde se producen os alimentos.

Preguntas e respostas, con posicións a prol e en contra

O debate iniciarase cunha primeira rolda de intervención de cada membro da mesa, “na que brevemente exporán a súa posición respecto do tema”, explica Gallego. Nunha segunda quenda, “realizaranse preguntas uns aos outros, co seu momento de réplica”. Este último será, quizais, o intre “clave do debate”, no que se formulen cuestións que, sen dúbida, xerará unha participación activa; así formularanse preguntas sobre se os cultivos transxénicos axudaron a incrementar a produción agro-alimentaria e a resolver o problema da fame no mundo, cales son os impactos sociais e económicos do modelo agro-industrial asociado á semente dos transxénicos, o por que Alemaña prohibiu o millo MON 810 e as razóns de vetalo en España. Que estudos existen sobre os impactos nos animais alimentados con este tipo de organismos, que resistencias se detectaron en insectos e novas plantas ou os riscos que sofre o chan nas áreas con cultivos transxénicos serán outros temas a tratar.
Finalmente, tamén haberá tempo para a intervención do público asistente, “para aclarar dúbidas ou formular novas cuestións, co fin de clarexar o máximo posible o tema dos transxénicos”, conclúe Gallego.