DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celébrase hoxe e mañá coa intervención de expertos nacionais e internacionais

Os instrumentos da cooperación xudicial penal no ámbito da UE centran un congreso internacional en CC Xurídicas e do Traballo

Medio cento de persoas participan nas sesións

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Democracia
  • Internacional
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/10/2020

A constitución da UE como un espazo de liberdade, seguridade e xustiza, tras a aprobación do Tratado de Lisboa, supuxo no ámbito do Dereito penal e procesual penal un importante cambio de paradigma da cooperación xudicial penal, presidida polo principio de recoñecemento mutuo, que, por unha banda, supuxo problemas de funcionamento operativo dos instrumentos de tal cooperación e que, doutra, fixo imprescindible a homoxeneización das garantías procesuais do xusticiable. Co obxectivo de achegar ás persoas asistentes, profesionais e estudantes de doutoramento aos instrumentos da cooperación no ámbito da UE, este xoves e venres celébrase na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o congreso internacional Sistema penal e cooperación xudicial: un enfoque supranacional, no que profesionais e expertos en cooperación e lexislación europea tratan temas relacionados coa aplicación da normativa europea e as consecuencias da súa transposición ao ordenamento xurídico interno, sinalando os puntos máis controvertidos de dita harmonización e recoñecemento mutuo de resolucións xudiciais e analizando os problemas de funcionamento dos instrumentos de tal cooperación. “Neste congreso internacional analízanse algunhas manifestacións relevantes da incidencia no ordenamento xurídico español da normativa mencionada e enmárcase na liña doutros congresos sobre esta materia que se realizaron nos últimos anos”, explica Esther Pillado González, catedrática de Dereito procesual da UVigo, que xunto aos tamén docentes Pablo Grande e Tomás Farto, organiza este congreso, que se desenvolve a través de Campus Remoto e no que toman parte medio cento de persoas.

Esther Pillado lembra que gran parte das leis que se están a aprobar nos últimos anos no noso ordenamento xurídico, son consecuencia da necesaria transposición da normativa europea, que ten como obxectivo unha aproximación á lexislación dos estados membros para facilitar a cooperación xudicial entre eles. “A nova concepción da UE como espazo de liberdade, seguridade e xustiza, que incorpora o Tratado de Lisboa, afecta de xeito fundamental á cooperación xurídica penal, ao modificarse o proceso de deixar de depender da vontade dos estados, de sorte que se abre camiño á existencia dunha regulación común específica, e vén a significar que a toma de decisións xa non opera exclusivamente no ámbito interno de cada estado, senón que é no seo da propia UE onde se marcan as directrices e lexíslase, elo en aras desa harmonización normativa e a indispensable cooperación entre estados”, explica a catedrática da UVigo. 

Cuestións de actualidade que suscitan debate

 O congreso, que comezou esta mañá cunha intervención da catedrática de Dereito procesual da Universitat de València Silvia Barona, centrada na intelixencia artificial e a xustiza penal en Europa, inclúe relatorios de cuestións como a orde europea de protección, o recoñecemento e execución da orde europea de investigación, os obstáculos á aplicación da orde europea de vixilancia, a protección de datos ou a loita contra a corrupción na UE. “Os temas que se abordan no congreso foron elixidos en base a criterios de actualidade que suscitan debate. Dentro da temática destacamos, pola súa enorme actualidade, o relativo á intelixencia artificial, en concreto os límites de uso e as garantías necesarias aplicables para a utilización da IA por parte das autoridades policiais e xudiciais do ámbito penal da UE. De especial importancia é a avaliación dos riscos, as implicacións éticas e as responsabilidades derivadas de dita utilización, en particular, en relación co dereito a un xuízo xusto ou o principio de presunción de inocencia. Un tema para o que contamos con Silvia Barona, unha das pioneiras no estudo desta temática”, sinala Esther Pillado.

O congreso, que rematará mañá, enmárcase na liña doutros actos que sobre esta materia realizáronse nos últimos anos desde a área de Dereito procesual da UVigo, e cuxa temática se enmarca nunha das liñas de investigación do grupo DL1.