DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Realizado ao abeiro do Proxecto Ronsel, este xoves presentouse en Vigo

"Os instrumentos musicais na tradición galega", entre os libros máis vendidos en Galicia

O autor, Pablo Carpintero, ofreceu un concerto didáctico ao que asistiu o músico Carlos Núñez

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 12/02/2010
Hai apenas medio mes que se presentou en Santiago de Compostela e xa figura entre os cinco primeiros libros de non ficción máis lidos en Galicia. A obra de Pablo Carpintero Os instrumentos musicais na tradición galega “marcou un antes e un despois na historia da música do país”, tal como subliñou na presentación en Vigo Xavier Paz, director da editorial Difusora de Artes, Letras e Ideas. Esta mesma idea tamén foi apuntalada polo músico Carlos Núñez, que quixo apoiar coa súa presenza a obra e admitiu sentirse abraiado do traballo levado a cabo por Carpintero “a quen teño hoxe o pracer de coñecer persoalmente”.
O evento, que foi presentado por Isabel Figueroa, directora do Conservatorio Profesional de Música de Vigo, onde tivo lugar a presentación, reuniu aos principais impulsores da iniciativa, entre eles, o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area, coordinador do Proxecto Ronsel para a salvagarda e posta en valor do patrimonio cultural inmaterial de Galicia e, ao abeiro do cal, se fraguou un proxecto que, lembrou, conta co aval da UNESCO. Referiuse tamén a lista de publicacións máis vendidas coma “un fiel reflexo dos nosos principais sinais de identidade: a comida, a lingua e a música”, en relación a que as obras máis vendidas son un libro sobre cociña, un dicionario e o propio volume que se estaba a presentar.

O acervo musical galego, recompilado en 500 páxinas

A través de 500 páxinas, 1000 fotografías e múltiples ilustracións, a obra dá cabida a máis de 140 instrumentos musicais e recolle o traballo levado a cabo por Carpintero nos últimos 15 anos. “É un proxecto que agora sae a luz, pero que detrás ten anos de realización”, admitía o autor, quen subliñou que ao longo destes anos “a principal conclusión do meu traballo foi darme conta que en Galicia contamos cunha riqueza inmensa, algo que acontece en moi poucos países, e é que temos a virtude de que conservamos cadeas evolutivas completas na maior parte dos instrumentos musicais”.
Insistiu tamén Carpintero en que se trata dunha obra “colectiva” na que contou co traballo e a participación de moitísimas persoas de toda a xeografía galega e áreas limítrofes. Entre estes múltiples colaboradores, aos que se referiu Carpintero, acudiu tamén ao acto o deseñador Xoán Ramón Marín que, con máis de vinte anos de experiencia neste tipo de traballo, foi o encargado de facer as ilustracións. Na súa intervención describiu a experiencia como “un labor intenso, pero moi gustoso”, ao tempo que subliñou a importancia de conseguir un debuxo entendible coas mínimas liñas, en definitiva, deseños “austeros e sobrios” cos que o lector pode facerse unha idea rápida e concisa de cada un dos instrumentos.

Do paleolítico ao s. XX, nun concerto didáctico

Tras explicar como na obra clasificou os instrumentos musicais seguindo o sistema científico máis empregado en occidente, o de Hornbostel e Sach, que os divide en idiófonos, membráfonos, cordófonos e aerófonos, Carpintero completou a presentación cun concerto didáctico no que lle ofreceu aos asistentes unha viaxe musical no tempo, dende o Paleolítico ata o século XX. “Dende un carro ata unha folla de hedra” todo valía para facer música, insistíu Carpintero.
Zoadeiras, asubíos e “frautas” paleolíticas serviron de punto de partida para este pequeno concerto demostrativo. Continuou logo coa época neolítica, “un tempo de grandes cambios nos que adquiriu grande importancia a agricultura, o que lles permitiu a estas persoas gozar de máis tempo libre e, por tanto, máis música”. Foi nesta época cando xurdiron os clarinetes máis primitivos, os primeiros oboes, ou mesmo “as primeiras gaitas realizadas cunha vincha de porco atadas neses pequenos clarinetes”, explicou.
Intercalando explicacións e interpretación de pezas –nas que estivo acompañado por Gustavo Couto e Rosa Sánchez- deu un inmenso salto no tempo ata chegar a Idade Media, cando xa xorden as gaitas de rosca, aínda vixentes nalgunhas zonas de Galicia, e as primeiras gaitas de fol nas súas versións máis sinxelas.
Despois veu o Barroco, “a época que máis me gusta porque todo o sistema musical tradicional que temos agora ven de aí”, explicou Carpintero, que rematou o concerto interpretando unha peza cunha gaita galega de finais do século XIX, reprodución da gaita de Perfecto Feijoo.