DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nas Xornadas sobre Computación e Altas Prestacións e Software Libre

Os investigadores aprenden a sacarlle o máximo proveito ao software libre e á supercomputación

A actividade enmárcase dentro da celebración do XX aniversario da Escola Superior de Enxeñaría Infor

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 05/10/2011
Pola cantidade e complexidade de información que manexan, para boa parte dos investigadores as ferramentas informáticas son un elemento decisivo no seu traballo. Coa idea de amosarlles a sacarlles o máximo proveito, a Rede Galega de Computación de Altas Prestacións celebra no campus de Ourense do 5 ao 7 de outubro as Xornadas sobre Computación e Altas Prestacións e Software Libre. A iniciativa reunirá a destacados expertos nestes ámbitos nunha xornada que se enmarca dentro dos actos de celebración do XX aniversario da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, e Juan Antonio Añel, coordinador da iniciativa, foron os encargados de inaugurar este mércores as xornadas, nas que tamén estiveron presentes María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Francisco Javier Rodríguez, director da Oficina de Software Libre da Universidade de Vigo.

“É unha satisfacción para esta Universidade a celebración desta xornadas, pois unha das materias pendentes do ámbito científico é aproveitar e desenvolver todas as posibilidades que ofrece o software libre e as ferramentas de computación e altas presentacións”, salientou durante a presentación Salustiano Mato. O reitor da Universidade de Vigo quixo destacar a aposta das universidades polo software libre como unha ferramenta que permite aos investigadores versatilidade, traballo en equipo e eficiencia.

Karsten Gerloff, presidente de Free Software Fundation Europe

Segundo explicou Juan Antonio Añel, as Xornadas sobre Computación e Altas Prestacións e Software Libre “son un conxunto de presentacións nas cales se vai a falar da filosofía do software libre e da súa importancia na supercomputación”. Ademais de aspectos teóricos, o coordinador salienta que destacadas empresas explicarán as súas estratexias en software libre, como son Bull, HP, SGI e IBM. Durante os día de celebración, tamén haberá intervencións sobre temas como o software libre no Centro de Supercomputación de Galicia; os paradigmas e bibliotecas de programación baseados en software libre; distribucións GNU/Linux e HPC e aplicacións de novas tecnoloxías HPC en simulación de fluídos.

Para falar destes temas estarán Aurelio Rodríguez, do Cesga; Juan Touriño, Emilio J. Padrón e Patricia González, da Universidade da Coruña; Orlando García e Alejandro Jacobo Cabrera do Grupo EphysLab da Universidade de Vigo; Rafael Grimán, de BULL; Carlos Corroto, de HP; Miguel Terol, de SGI; e Diego Pérez, de Quobis Networks, entre outros relatores. Como prato forte das xornadas, o día 6 de outubro Karsten Gerloff, presidente de Free Software Fundation Europe, ofrecerá a conferencia HPC: unha perspectiva desde a liberdade.