DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os investigadores de Biocaps acumulan cinco premios no prazo dun mes

Diversos congresos e certames recoñecen ao traballo científico desenvolvido no marco do proxecto

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 03/07/2014

Os científicos e científicas do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo (IBIV) seguen acumulando premios polo seu traballo innovador no marco do proxecto Biocaps. Tras iniciar o ano co recoñecemento da empresa RayBiotech aos avances realizados polo equipo de Carlos Spuch no campo da esclerose múltiple, só no mes de maio tres das áreas científicas viron premiado o seu traballo en diferentes congresos e certames.

A Sociedade Española de Reumatoloxía recoñeceu como mellor traballo sobre enfermidades reumáticas autoinmunes sistémicas de 2013 un artigo do investigador do IBIV e doutor no Hospital Meixoeiro José María Pego. Durante esta 40ª edición do Congreso Anual de Sociedade Española de Reumatoloxía, celebrada en Santiago entre o 20 e o 23 de maio, fíxose entrega ás mellores publicacións en distintos campos relativos ás enfermidades reumatolóxicas. O artigo premiado, publicado na revista do Colexio Americano de Reumatoloxía (Arthritis Care and Research), revisa a eficacia e seguridade dos inmunosupresores non biolóxicos no tratamento das manifestacións non renais do lupus eritematoso sistémico. O investigador galardoado, integrado na área de Enfermidades infecciosas, inflamación e inmunidade de Biocaps, está a coordinar na actualidade a fase prospectiva do Rexistro de Pacientes con Lupus Eritematoso Sistémico da Sociedade Española de Reumatoloxía (RELESSER), o rexistro científico uninacional de afectados por lupus máis extenso de todo o mundo. O seu obxectivo é enriquecer de maneira determinante o coñecemento sobre esta enfermidade autoinmune, que afecta a unha de cada mil persoas en España –cunha incidencia que vai en aumento– e cuxa orixe aínda non se coñece con seguridade, polo que é fundamental profundar nas súas características para avanzar tanto no seu diagnóstico como no seu tratamento e a súa prevención.

Ademais, o Servizo de Farmacia Hospitalaria do CHUVI, colaborador desta mesma área de Biocaps, foi merecedor dunha bolsa de 10.000 euros concedida pola Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria para desenvolver o seu proxecto de investigación sobre medicamentos biosimilares. A través deste traballo científico, Noemí Martínez, Alicia Martín, Miriam Álvarez, Marisol Ucha e Guadalupe Piñeiro avalían a situación actual deste tipo de fármacos en España e buscan fórmulas para implantar medidas de actuación fronte ás barreiras existentes ante a introdución destes medicamentos no sistema sanitario. Nun futuro preténdese promover a formación dun grupo de traballo implicado no desenvolvemento de ensaios clínicos independentes con biosimilares naquelas indicacións nas que non haxa ensaios clínicos previos á súa autorización.

Dobre recoñecemento

Tamén no mes de maio, dous traballos coordinados por Federico Mallo e Eva Mª Vigo, investigadores da área de Endocrinoloxía, metabolismo e nutrición de Biocaps, foron premiados no marco do 56º Congreso da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición. As dúas comunicacións presentadas na reunión científica polos investigadores do IBIV foron galardoadas, unha delas na categoría oral e a outra en formato póster. Marina Romaní foi recoñecida por terceiro ano consecutivo co 2º premio á mellor comunicación oral básica pola súa demostración das accións do fármaco Liraglutide, empregado na actualidade no tratamento da diabete mellitus tipo 2, sobre a maduración pulmonar fetal nun modelo animal. Este modelo reproduce a situación de inmadurez pulmonar frecuente en nenos nados con baixo peso corporal e, mediante a administración deste fármaco, demostra que se conseguen recuperar as deficiencias que dificultan o proceso respiratorio tras o nacemento. Este achado abre a porta a novas aplicacións terapéuticas deste fármaco e supón unha alternativa a outros tratamentos empregados e que presentan efectos secundarios a longo prazo, como os glucocorticoides.

Por outra banda, a investigadora e estudante de doutoramento Verónica Outeiriño conseguiu que o seu póster fose galardoado, entre os 291 presentados, co 2º premio á mellor comunicación en investigación básica en Endocrinoloxía. O seu traballo describe os efectos estimulantes, até agora descoñecidos, da hormona gastrointestinal GLP-1 sobre a función reprodutora nun modelo de experimentación animal.

Mellor póster sobre epixenética

Pola súa banda, Roberto C. Agís-Balboa gañou o primeiro premio á mellor presentación de póster no marco da conferencia da acción COST Epixenética: desde o laboratorio á cabeceira da cama, celebrada en Atenas (Grecia) entre o 5 e o 8 de maio. O evento reuniu a recoñecidos científicos e investigadores noveis, empresarios e responsables das políticas nacionais e da Unión Europea para discutir os aspectos interdisciplinarios da epixenética, descubrir e recoñecer o seu papel central na ciencia básica, así como na investigación aplicada.

O científico da área de Ciencias neurolóxicas e enfermidades raras de Biocaps viaxou a Atenas grazas a unha bolsa ESR (Early Stage Researcher) para asistir a este evento internacional, que tivo como obxectivo fomentar a excelencia científica no campo da epixenética e o seu establecemento como unha máxima prioridade para a comunidade científica da UE e a industria relacionada, ademais de incentivar o contacto e colaboración entre os asistentes. O póster do investigador de Biocaps, que se impuxo entre os 50 presentados, leva por título DNA-methylation is required for hippocampus-dependent fear extinction e mostra como un dos mecanismos epixenéticos, a metilación do ADN, xoga un papel fundamental na extinción da memoria do medo. Segundo Agís-Balboa, “estes resultados abren as portas ao desenvolvemento de futuras terapias epixenéticas para tratar enfermidades asociadas a padecer medo descontrolado e esaxerado, tales como as fobias ou o trastorno por tensión postraumático”.