DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun relatorio sobre investigacións en actividade física e saúde

Os investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte reciben os consellos do experto en saúde pública Vicente Martín

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 12/12/2008

Unha investigación de calidade consume moito tempo, require investimento económico, exprime as capacidades intelectuais dos autores e atopa moitos atrancos no proceso. Iso era algo que os investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte xa sabían por experiencia propia pero este venres contaron cun relatorio de Vicente Martín Sánchez, profesor da área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidad de León, que lles ofreceu algúns consellos sobre a práctica investigadora.
Coa súa experiencia no ámbito da investigación, Martín lembrou algunhas ideas de manual como o é a importancia da pregunta de investigación, ben formulada e axustada ás necesidades dos investigadores, a escolla dun método acorde co proceso que se quere iniciar ou que, antes da realización da pregunta, cómpre ter un amplo coñecemento. O experto en saúde pública sinalou que o emprego do método epidemiolóxico “non é tanto a aplicación dunhas regras como unha maneira de pensar e de traballar” e incidiu na superioridade da incidencia, “que contempla todas as formas clínicas” como xeito de medir a enfermidade fronte á prevalencia, que introduce sesgos ao referirse só aos casos existentes.
Martín tamén reflexionou sobre outros aspectos clave dos procesos de investigación como o tamaño das mostras, a homoxeneidade das poboacións ou as variables, das que dixon teñen que ser “as xustas, porque a información é diñeiro e a súa elección ten que estar xustificada”.
O profesor da Universidade de León quixo aproveitar o espazo de reflexión que supuxo o relatorio para alertar sobre o abuso das estatísticas, ás que só lle concedeu dúas achegas: “a de facer comprensible moita información moi variada e destacar a influencia do azar nos resultados obtidos”.

As perdas na investigación

Un dos moitos problemas polos que os investigadores presentes no relatorio amosaron a súa preocupación foi a perda de información que supón o abandono do proxecto de suxeitos da mostra. Martín considerounas “inevitables, aínda que non preocupantes se non superan o 15 ou 20 por cento” e apuntou a importancia de coñecer a súa incidencia.