DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Xornadas de Comunicación para Investigadores rematan cunha sesión sobre márketing científico

Os investigadores deben adaptar os resultados da I+D ás necesidades do mercado

Os xestores Francisco Domínguez e Lorena Muñoz amosaron cómo achegar a ciencia ao sector empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Raquel Feijóo DUVI 02/12/2009
As II Xornadas de Comunicación para Investigadores remataron este mércores cunha sesión dedicada ao márketing científico. Participaron Francisco Domínguez, xestor do Programa de Deseño e Produción Industrial do Plan Galego de I+D+i (INCITE) e Lorena Muñoz, directora de Seguimento, Análise e Prospectiva do FECYT –Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía-, que lles amosaron aos investigadores asistentes algunhas nocións básicas para vender con éxito os resultados dos seus proxectos ao sector empresarial. Entre outras recomendacións as apuntadas por Francisco Domínguez, que subliñou moi especialmente “a necesidade de adaptar os resultados de I+D ás necesidades do mercado”, e que fixo fincapé tamén na petición da empresa “de coñecer qué vantaxes lle vai reportar ese proxecto á hora de ser máis competitiva”. Lorena Muñoz, pola súa banda, amosoulles aos investigadores cómo e en qué contexto deben ofrecer os seus proxectos ao sector empresarial, e animounos a facer uso de todas as estruturas que xa existen, como as OTRI –Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación-, as Fundacións Universidade-Empresa ou as incubadoras de empresas, entre outras.

“As empresas queren solucións á creación de novos produtos ou servizos”

Na súa intervención, Francisco Domínguez falou de investigación aplicada para subliñar que, neste caso e á hora de ofrecer o proxecto a unha empresa, os resultados deben estar totalmente desenvolvidos ou en fase moi avanzada porque, segundo explicou, “as empresas queren que lles deamos solucións á creación de novos produtos, servizos ou procesos, ou para mellorar os que xa teñen”. De aí que sexa fundamental “adaptar os resultados da I+D ás necesidades do mercado”, unha información á que os investigadores poden acceder por diferentes vías, dende os estudos de mercado e as revistas técnicas ata as feiras sectoriais ou as patentes, sen esquecer a vixilancia tecnolóxica, unha función que, segundo o poñente, poderían asumir as universidades. Falou tamén Francisco Domínguez das Humanidades, “un ámbito esquecido pero que podería acadar bos resultados en combinación con outros ámbitos científico-tecnolóxicos”, e incidiu na importancia de “transcribir os potenciais proxectos á linguaxe intelixible do mercado”.

Conversión do coñecemento e da tecnoloxía na obtención de produtos ou servizos

A investigación básica é aquela que persegue a consecución de coñecementos sen unha orientación ou aplicación práctica concreta. Neste punto, o poñente fixo fincapé na necesidade de lograr a conversión do coñecemento e da tecnoloxía aplicable na obtención de produtos ou servizos. Tarefa máis doada de resolver son os proxectos demandados polo mercado, “que permiten a elaboración conxunta co cliente e nos que a Universidade pode ter que ofrecer a colaboración de varios grupos en proxectos multidisciplinares”. Con todo, o xestor subliñou a necesidade de nomear a unha única persoa que asuma as funcións de interlocutor coa empresa.
Francisco Domínguez rematou a súa intervención debullando un esquema para a presentación dos proxectos de investigación e facendo unha última recomendación: aproveitar o apoio das OTRIs –Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación-. Segundo explicou, “estes centros axudan a facer unha valorización dos resultados das investigacións, coñecen as convocatorias de axudas, poden establecer un plan de visitas ás empresas ou incluso un acompañamento, realizan xestións con organismos públicos e asesoran sobre a propiedade dos resultados”, declarou.
Lorena Muñoz, pola súa banda, centrou a súa conferencia en explicarlles aos investigadores cómo e en qué contexto poden vender os resultados dos seus traballos. Neste sentido, animounos a utilizar todas as estruturas que xa existen, como as OTRIs, as Fundacións Universidade-Empresa ou as incubadoras de empresas, entre outras, e a participar tamén nos foros informais, “xa que permiten crear unha rede de contactos e establecer pontes cos empresarios”. A poñente recomendoulles tamén aos investigadores que estivesen atentos a todos os programas que lles poidan axudar a vender ou a divulgar os resultados do seu traballo porque, segundo afirmou, “divulgar os resultados pode ser unha maneira complementaria de vender ese proxecto”.

Transferencia efectiva do coñecemento entre investigadores e empresarios

As Xornadas de Comunicación para Investigadores foi unha actividade organizada polo Centro de Investigación, Transferencia e Innovación do campus de Ourense –CITI- co apoio do Consello Social. Nesta segunda edición a iniciativa tratou sobre as Técnicas de transferencia efectiva do coñecemento entre investigadores e empresarios e o seu obxectivo foi o de proporcionarlles aos investigadores da Universidade as ferramentas necesarias para relacionarse co mundo empresarial e para favorecer tamén o investimento en actividades de I+D+i.