DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os investigadores do futuro apostan pola ciencia 2.0

Os participantes no campamento científico do Campus do Mar abren un blog no que contar as súas exper

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 13/07/2011

“¡En Galicia tamén hai sol!”. Non o din expertos meteorólogos, senón os 30 rapaces que participan na primeira quenda do campamento científico do Campus do Mar e fanno empregando as novas tecnoloxías como fiestra dende a que contar as súas experiencias: crearon un blog no que os mozos e mozas, de 4º da ESO e 1º de Bacharelato, contan todas as iniciativas que están a desenvolver estes días e as impresións que lles deixan tanto o propio campamento como as actividades que fan durante o seu tempo de lecer. Por iso, tras unha semana na que o tempo non acompañou demasiado e pasado o ecuador da súa estancia en Vigo, podíase ler nesta sorte de diario parte científico, parte persoal, que “cando espertamos o primeiro que fixemos foi abrir a ventá e berrar: ¡hai sol!”, como comentan Daniela Mateiovici e Ángela Martínez, que proceden de Almería e Alicante, respectivamente.

Os rapaces empregan o blog para ir narrando as súas actividades diarias dentro dun campamento ideado para potenciar as capacidades dun alumnado que xa demostra especial habilidade no campo científico e tecnolóxico, estimulándoos nun momento no que están a piques de decidir os seu futuro académico e profesional. Xogos para perder a timidez e coñecerse, largos na piscina ou partidos de fútbol durante o tempo de lecer e experimentos de electricidade estática, de extracción de ADN, sudokus imposibles ou adiviñanzas matemáticas son algunhas das probas que relatan neste blog que inclúe vídeos e que escriben nos obradoiros de comunicación que realizan polas tardes.

A través do blog, tanto os organizadores como o profesorado que os atende durante estes días poden facer un “seguimento moi de preto dos rapaces e, de momento, a avaliación da experiencia está a ser moi positiva, non só dende o punto de vista do estudante, que deixa testemuño na web de que está aprendendo moito e pasándoo ben, senón tamén por parte dos profesores”, explica Emilio Fernández, director do Campus do Mar. Un resultado que se pode considerar como un éxito científico, tecnolóxico e incluso das actividades complementarias e do que se están a coller ideas para introducir melloras “que aplicar xa na segunda quenda que chega este domingo”.

Un campamento pasado por auga

O tempo é o tema máis recorrente no blog, xa que obrigou a cambiar parte da programación e xogou algunha mala pasada aos participantes, sobre todo na saída en barco pola ría. “A viaxe podería dar máis de si se non fora pola choiva, que non deixou de caer en toda a tarde. Ademais, moita xente estaba mareada e non gozou ao máximo da experiencia”, contan Ana Sánchez e Elisa Antolinos. O mesmo orballo que esa mañá deslucía “un pouco” a actividade de divulgación científica feita en Samil, xa que “pasaba pouca xente” á que amosar experimentos oceanográficos e xeolóxicos. Foi unha desas probas a que deu a anécdota da xornada, “xa que un dos nosos compañeiros comezou a explicar un proxecto relacionado co cambio climático a unha nena pequena e a rapaza aburrida ou quizais asustada fuxiu”, recoñecen.

Pero ademais de esmerados partes meteorolóxicos (“cunha néboa bastante espesa e unha lixeira choiva que vai deixando o seu rastro co paso do tempo”, como relatan Lara Juan, de Valencia, e Joana Tomas, de Ibiza), o blog serve para publicar fotos coas que demostrar que, a pesares dalgunha que outra queixa por “ese comportamento típico de xente de 16 anos que ven a aprender e gozar”, todo vai sobre a marcha e poder deixar constancia a pais e amigos que a viaxe a Galicia mereceu a pena.