DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 200 obras foron presentadas a concurso nesta edición

Os IX Premios de Creación Artística xa teñen dono

O xurado deu unha ducia de galardóns entre primeiros premios e accésits dada a calidade dos traballo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 03/08/2011

Dez modalidades e sete accésits para dar pulo aos novos valores. Esa era o reclamo dos concursos de creación artística da Universidade de Vigo, que este ano chegaba a súa novena edición con 14.500 euros baixo o brazo para repartir nas distintas categorías e que acaba de dar a coñecer os gañadores das modalidades de pintura, fotografía e creación audiovisual, que deixou catro premios desertos pero que concedeu ata sete accésits dada a calidade das obras presentadas.

O xurado, composto por membros da comunidade universitaria e profesionais, decidiu declarar sen gañador o IX Premio de Pintura, que ofrecía un galardón único de 1500 euros para unha obra orixinal feita con técnica libre. Sen embargo, o VIII Certame de Fotografía deu máis pé ao debate: o premio de 900 euros para as series declarouse deserto a pesar das preto de 150 imaxes presentadas en 29 series, aínda que o xurado decidiu outorgar un accésit a Nuria Rodríguez pola súa obra Naturaleza Couché. Na categoría de fotografía única o galardón principal foi para Extraños Paisajes II, de Minia Segunda Martínez, que lle valeu un premio de 600 euros a unha artista que repite premio por unha curta de animación. Ademais, nesta modalidade o xurado decidiu conceder un accésit a Diego Castedo por Light Drawing, agraciado con 300 euros.

En canto ao IX Premio de Maquetas de música, Pepepau conseguiu o galardón na modalidade Folk e Carlos Gil Estévez na Pop-rock. Ademais dos 1200 euros cos que está dotado, cabe a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas dos gañadores ou a promoción de actuacións en calquera dos tres campus.

O audiovisual galego ten o futuro asegurado

Polo menos polo éxito de convocatoria e pola “calidade dos traballos”, que levou ao xurado a dar un accésit extra a Minia Segunda Martínez na modalidade de animación por Pim pam pum. “Era a primeira vez que me presentaba e non confiaba moito en conseguir ningún premio, sobre todo co vídeo, polo que me gustou moito o que dixo o xurado do traballo. Da moitos ánimos para seguir traballando”, asegura esta estudante de Belas Artes que presentou “case obrigada” as súas obras a concurso. Nesa categoría os 1200 euros do primeiro premio foi para Avelino David Fidalgo por That’s life e os 500 euros de accésit para Freilach de Estefanía Castro.

En total, máis dunha trintena de traballos presentados en cinco modalidades das que David Tombilla levouse o accésit en Curta Narrativa por Leash, categoría na que o primeiro premio quedou deserto. O anuncio do Festival de Cans 2011, de Noelia López, Lidia Montes, Silvia Sanmartino e Bibiana Juanes, acadou o primeiro premio en Vídeo Publicitario, mentres que en Vídeo Experimental os galardóns acabaron en mans de Rubén Domínguez, por Zebra, e Inmaculada Vilanova, por Between the bars, primeiro premio e accésit, respectivamente.

Xubilación con premio

Na modalidade de documental o galardón principal foi para O americano, de Alba Colino. A curiosidade desta categoría está no accésit para Ciencia y arte, un vídeo de seis minutos de divulgación científica presentado por un grupo de Física Aplicada que recolle o proceso de creación dun agasallo “especial e personalizado” para a xubilación da profesora Betty León. “Quixemos darlle un cadro do pintor Mingos Teixeira que mesturara tecnoloxía e pintura. O proceso do científico e do artista non son moi diferentes: pasan por unha fase creativa, de documentación e de darlle voltas ao asunto antes de chegar ao produto final”, asegura Pío González, impulsor da presentación a concurso. O premio é para o grupo unha satisfacción “porque non esperabamos que o xurado captara toda a esencia que tiña detrás” un vídeo grabado por Bea Barros, Noel Queipo e Alba Sotelo, estudantes da Universidade de Vigo.