DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participarán representantes das fundacións FAES e Alternativa e do Cercle D´Economía

Os laboratorios de ideas e políticas en España, centrarán un seminario pioneiro

O seminario insírese na Cátedra Fundación Caixa Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/06/2008
Representantes das fundacións FAES e Alternativas, do Círculo de Economía, do CIS e de varias universidades españolas, participarán este xoves e venres no seminario da Cátedra Fundación Caixa Galicia, A batalla das ideas. Laboratorios de ideas e políticas públicas en España.“Dun xeito totalmente novidoso, trátase de discutir se as ideas que teñen a súa orixe en foros intelectuais, teñen logo unha proxección política”, sinala o profesor do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Xosé Carlos Arias que tamén apunta que “fronte á tendencia dos últimos anos nos que as ideas non tiñan excesiva proxección política, parece a batalla das ideas comeza a axitarse”.
As sesións que se desenvolverán no edificio Miralles, comezarán o xoves pola tarde cunha presentación a cargo dos profesores Xosé Carlos Arias e Santiago Lago. O escritor e profesor de Economía, Ética e Ciencias Sociais da Universitat de Barcelona, Felix Ovejero, será o primeiro en intervir para falar sobre A influencia real dos intelectuais. Pola súa banda o ex director do Centro de Investigacións Sociolóxicas, CIS, Fernando Vallespín, abordará no seu relatorio A influencia real dos think tank no deseño das políticas públicas: O caso español. A primeira sesión do seminario finalizará coa intervención dos representantes das fundacións FAES e Alternativas, Francisco Cabrillo e Juan Moscoso, sobre Política e sociedade: Dúas visión contrapostas.

A visión autonómica

O seminario continuará o venres, en sesión matinal, coa intervención Política e sociedade: Batallas de ideas e interese, a cargo de Antón Costas, vicepresidente do Cercle D,Economía, “unha entidade”, sinala Xosé Carlos Arias “na que sempre se fraguaron ideas que a burguesía catalá aproveitou e trasladou á vida política”.
Pola súa banda o ensaísta, Antón Baamonde e os profesores da Universidade de Santiago e representantes das fundacións Alfredo Brañas e Iniciativas 21, Pedro Puy e Ramón Maíz, pecharán as sesións cunha intervención sobre Políticas públicas e estado das autonomías.
Concluirá deste xeito un seminario que segundo Xosé Carlos Carlos “é bastante orixinal, xa que non temos idea de que existan antecedentes de encontros semellantes”. As intervencións dos relatores recolleranse nunha publicación.