DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na súa oitava edición, cubriu as súas prazas no mesmo día de abrir a matrícula

Os licores e a maridaxe, novidades do curso de extensión de Cata de Viños

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 09/06/2008

A cata de licores e augardentes, así como o xeito de escoller o viño segundo a comida á que vaia acompañar para resaltar o seu sabor, son as principais novidades que inclúe o curso de Extensión Universitaria de cata de viños, que terá lugar entre os días 23 e 27 de xuño no campus. Na que é a súa oitava edición, o obradoiro volveu confirmar porque é un dos clásicos no verán en Ourense, xa que cubriu as 25 prazas ofertadas no mesmo día no que se abría a matrícula, deixando a moitos interesados fóra.
Esperanza Fernández, unha das directoras do curso xunto con Carmen Pérez, subliñou que este “está moi asentado porque antes de estar considerado de Extensión, xa formaba parte doutro curso de dúas semanas de Análise de viños” dixo. “Este ano xa tivemos que aumentar o número de inscritos pero máis de 25 xa non é posible por cuestións de espazo, xa que non temos sala de catas” engadiu. De feito, e mentres que as charlas terán lugar no salón de graos da Facultade de Ciencias, as prácticas de cata realizaranse nun laboratorio habilitado para a ocasión.
Esa excelente aceptación é a que impulsa ás directoras a seguir ano tras ano co curso porque “sempre hai xente que quere acudir e chega tarde, así que o éxito é o que nos motiva a seguir facéndoo, e mentres sexa así, seguiremos con el” explicou Fernández. Ademais do positivo balance das organizadoras para as que é “moi agradable facelo”, tamén lles avala a boa valoración dos alumnos nas enquisas finais, “todos quedan moi contentos e o pasan moi ben” engadiu.
Pero ao marxe da satisfacción persoal e da parte lúdica asociada ao viño, o obxectivo do curso é potenciar o interese pola enoloxía, “un tema moi de moda e moi apetecible, e abrir unha pequena fiestra no campus para contribuír a aumentar os coñecementos dos que lles guste” resumiu Esperanza Fernández. Por esta razón o curso, composto por 32 horas correspondentes a dous créditos de libre elección, está aberto a todo o público, de dentro e fóra do ámbito universitario porque “ a todos nos gusta saber opinar de viños, aínda que só sexa dalgunhas características básicas de cor e sabor, e polo menos saber mover a copa” engadiu a súa directora. Pero ademais de profanos na materia, o obradoiro conta con varios alumnos da Facultade de Ciencias, “aos que os seus contidos lles serven como formación académica complementaria” dixo Fernández.

Brancos, tintos, doces e licores

Cada un dos catro días que compoñen o programa, os alumnos asistirán a unha charla explicativa sobre as cualidades visuais, cromáticas e gustativas dos viños para aprender a coñecelas e referirse a elas coa terminoloxía axeitada, centrándose, especialmente, nas denominacións de orixe galegas. Ademais, en cada unha das xornadas haberá unha parte práctica que se corresponderá coa cata dun determinado caldo, xa sexa branco, tinto ou doce, “do que se probarán viños dende o moscatel ao Oporto, pasando por outros alemáns e húngaros, por exemplo” dixo Esperanza Fernández. Como novidade, este ano, tamén haberá un día dedicado ás particularidades dos augardentes e licores tradicionais galegos, e ademais, todas as sesións estarán complementadas coa historia do seu proceso de colleita e fabricación da man de relatores “con moita experiencia e especialistas nestes temas, a maioría dos cales xa participaron en anteriores edicións do curso” explicou. Por último, o obradoiro complétase con nocións de maridaxe, “que é o xeito de combinar a comida co viño máis axeitado, algo moi importante á hora de escollelo” concluíu a súa directora.