DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alfredo, Noni, Alejandro e Sergio, insignias do "indie" nacional

Os Lori Meyers ateigan o Vidal Bolaño na presentación do seu último álbum "Cronolánea"

Os granadinos foron premiados co galardón ao mellor disco do 2008 en España

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Lucía Costas DUVI 05/03/2009

Os granadinos Lori Meyers abriron a programación cultural deste segundo cuadrimestre diante de centos de persoas que se deron cita, nesta tarde de xoves, no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria. O grupo de pop-rock indie, orixinario da localidade de Loja, presentou o seu último traballo, Cronolánea, premiado pola revista Mondo Sonoro como mellor disco español do ano 2008. O público disfrutou do seu single de lanzamento Luces de neon, así como do resto de temas que compoñen o álbum entre os que destacan La búsqueda del rol, Alta fidelidad, Luciérnagas y mariposas, Copa para dos e Saudade. Catro son os membros que compoñen a banda e que hoxe amosaron todo o seu potencial enriba do escenario: Antonio López, voz e guitarra; Alfredo Núñez, batería; Alejandro Méndez, guitarra e coros e Sergio Martín, guitarra, baixo e coros.

Un símbolo do indie nacional

Alfredo, Noni, Alejandro e Sergio pasaron de ser un grupo totalmente descoñecido a ser unha das apostas máis prometedoras no panorama indie nacional do momento.
Lori Meyers fórmase a comezos de 1998, cando a idade media do grupo roldaba os 16 anos, pero non lanzaría o seu disco debut Viaje de estudios ata 2004, traballo co cal xa obtiveron o seu primeiro premio, o Ollo Crítico de RNE. A partir de aí, o grupo non para de tocar en concertos e compoñer novos temas; neste mesmo ano editan o EP Ya lo sabes e ao seguinte La caza. O 2005 foi un dos seus anos máis inspirados no que tamén publicaron Hostal Pimodan, que os colocou na primeira liña do panorama musical español cunhas ventas considerables e unha axenda repleta, que fixo que en 2006 o reeditaran con sete temas extra, entre os que destacan verdadeiros hits como Dilema e El aprendiz.

A confirmación do seu talento

Para chegar ata Cronolánea tiveron que pasar algo máis de dous anos de recapitulación. Gravado en outubro de 2007, nos estudios Gismo 7 coa colaboración do produtor Ken Coomer, o terceiro longa duración de Lori Meyers supón un certo cambio estilístico no grupo, un álbum cunha maior variedade musical froito da evolución constante dunha banda cun universo propio, unha peza única que supón a confirmación do seu talento.