DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os pais e nais acompañáronos nunha xornada de portas abertas na escola infantil

Os máis pequenos do campus estrean un curso 'moi extraterrestre'

Moitas das actividades deste curso xirarán arredor do universo e os seus habitantes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 05/09/2013

Un novo universo no que pasarán boa parte deste curso que comeza. A escola infantil do campus iniciou este xoves o periodo lectivo convertido nunha réplica do espazo, con planetas, estrelas e mesmo algún extraterrestre; todo un mundo por descubrir para os 52 cativos que hoxe comezaron as clases cunha xornada de portas abertas á que puideron asistir os pais e nais para achegarse a este novo universo infantil. Entre os nervios do primeiro día, algúns nenos e nenas fóronse convertendo en pequenos exploradores, investigando todo que había nas instalacións mentres que outros simplemente se negaban a separarse dos seus proxenitores. Algunha que outra bágoa e un par de enfados momentáneos marcaron unha xornada na que os cativos e cativas manipularon papel triturado, pintaron e xogaron ao aire libre baixo a atenta e curiosa mirada dos seus pais e nais, e algún extraterrestre que os observaba dende as cristaleiras.

Adentrándose nun mundo descoñecido e facendo novas amizades

Alba Domínguez e Roberto Pérez levaron este xoves ata a escola do campus ao seu pequeno Pedro, de oito meses de idade. Esta é a primeira vez na que se separan pero ela é consciente que de o seu cativo non pode estar sempre con eles e “necesita relacionarse con outros rapaces da súa idade para aprender a tratar cos seus semellantes”. É posible que nestes días Rosa María Argibay e Helio de Souza pasen algún momento pouco agradable ao deixar tamén por primeira vez a Nayara, de dous anos e medio, na escola. Souza evita pensar demasiado “nese momento” pero entende que a súa filla precisa “adquirir hábitos e non estar rodeada constantemente de persoas adultas”.

Pola contra, Marieli Monteagudo e Eduardo Ponce xa están moito máis afeitos a deixar a Lino ao cargo do persoal do centro. Para o neno de dous anos este non é o seu primeiro contacto coa escola, xa que este é o seu segundo curso nun mundo cheo de diversión e entretemento. “No primeiro ano, nos primeiros días, debo recoñecer que choraba moitísimo e eu non sabía moi ben que facer” comenta Monteagudo. A nai explica que “nun primeiro momento sempre pensas que os nenos e nenas non van estar tan ben coidados aquí coma na casa pero pronto te das conta de que iso non é así”, conclúe.

Explorando o universo e os seus habitantes

No curso escolar 2013-2014 os 52 alumnos e alumnas da escola infantil do campus poderán coñecer os planetas, o universo e as estrelas. Tanto é así que a escola xa está totalmente decorada para abordar en condicións esta temática. Pero nestes primeiros días “o realmente importante é que descubran como é a súa aula, que coñezan polo miúdo a súa nova contorna e, por último, que vaian adquirindo pouco a pouco certos hábitos”, destaca a directora da escola infantil, Ángeles Rodríguez.