DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha exposición fotográfica realizada por nenos e nenas dos centros do concello

Os máis pequenos toman a palabra no proxecto de ‘A Estrada Inclusiva’

Trátase de buscar unha educación máis igualitaria “contando coa participación de todos os axentes im

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 08/06/2012

Co obxectivo de contar coa opinión dos máis pequenos para conseguir unha ensinanza máis igualitaria, o proxecto de investigación A Estrada Inclusiva liderado pola catedrática Ángeles Parrilla organizou este xoves e venres unha exposición pública que amosa fotos e textos explicativos realizados por alumnos e alumnas dos centros educativos locais. “A través da fotografía, os máis pequenos toman a palabra para mostrar a súa visión conxunta da escola e do transcorrer da vida nos centros”, explicou Parrilla que estivo acompañada na inauguración do xoves na Sala Novagalicia Banco de A Estrada polo propio alcalde, José López Campos e polo secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.

Esta mostra protagonizada polos máis pequenos é a primeira actividade inter-nenos que se amosa ao público deste proxecto do Plan Nacional de I+D+i coordinado pola profesora de Ciencias da Educación e do Deporte e no que participan preto de 13 investigadores das universidades de Vigo e Santiago. Este estudo, que conta coa colaboración do concello e dos seis CEIP de A Estrada, ten como obxectivo desenvolver un proxecto local de educación inclusiva tendo en conta as necesidades e características singulares de cada centro así como as comúns ao colectivo de centros estradenses. Esta actividade pretende pór de relevancia a importancia “de escoitar a voz dos nenos e nenas para elaborar un itinerario educativo inclusivo que conte coa participación de todos, e non sexa só deseñado por expertos e adultos”, sinalou a docente.

Chamada á participación

Segundo a propia Ángeles Parrilla, esta actividade “non é unha exposición ao uso” pois invita á participación dos asistentes e promove un novo concepto de comunicación “convidado a interactuar ao público asistente que pode participar achegando as súas propias ideas sobre o que as imaxes e o texto lles suxiren”. Como consecuencia, a mostra non só busca amosar as fotos dos alumnos e alumnas, de aí que os investigadores deseñasen unha serie de actividades paralelas “coas que o público deixa de ser un mero espectador”. Así, cativos e maiores que visiten a mostra poderán escribir tamén o que as fotos lles suxiren así como deixar a súa opinión nun libro de firmas e desexos “no que poderán expresar as súas propias ideas que posteriormente poden ser levadas a cabo nos centros”.

Para levar a cabo esta exposición conxunta dos centros escolares de A Estrada, primeiro fíxose unha convocatoria en cada un dos centros, onde os nenos e nenas foron convidados a fotografar, discutir e escribir sobre as distintas situacións de participación infantil nas escolas. Cada un dos centros elaborou como remate da actividade un mural coas fotos seleccionadas que logo foron reelaborados conxuntamente nunha sesión inter-nenos celebrada no Teatro Principal no mes de maio, onde os propios cativos seleccionaron e reescribiron as imaxes e textos “que representan máis acertadamente o seu sentir colectivo”, describiu Parrilla.

Tal foi a acollida da actividade e do proxecto de investigación no seu conxunto pola comunidade que o propio alcalde comprometeuse a participar no programa impulsando novas actividades que se levarán a cabo no vindeiro curso, como a posibilidade de realizar un pleno municipal cos cativos no propio concello.