DUVI

Diario da Universidade de Vigo

41 estudantes do Programa para Maiores recibiron os seus diplomas e bandas

Os máis veteranos tamén se gradúan

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
M. Del Río DUVI 08/11/2012

O curso do programa para Maiores botou a andar hai un mes con 57 novos alumnos e alumnas no primeiro curso. Este grupo toma o relevo da promoción que este mércores recibiu as súas bandas e diplomas da man do vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, nun emotivo acto. A graduación destes estudantes sénior, ademais da habitual emoción, teñen o atractivo dunha xuntanza familiar, na que desta volta, fillos e netos deixan as primeiras filas aos seus pais e avós. Para moitos deles, este acto é o punto final a esta etapa universitaria, para outros deixa paso aos estudos de especialización que oferta o Programa para Maiores. O vicerreitor, xunto co director da Escola Universitaria de Estudos Empresariais, Patricio Sánchez, fixeron entrega dos diplomas aos 32 titulados da oitava promoción de graduados e graduadas sénior do campus de Vigo e aos 9 da sexta promoción de graduados e graduadas superiores sénior, correspondentes aos dous niveis nos que se dividen estes estudos.

En representación dos primeiros tomou a palabra José Luis Ferreiro, que fixo un percorrido polas experiencias vividas e os novos coñecementos adquiridos. En nome do estudantado do ciclo superior interveu Luis Molist, o alumno de máis idade da Universidade, que achegou aos asistentes a súa experiencia a través dun relatorio titulado Estudando aos noventa anos. Pero nas Aulas de Formación aberta tamén se recoñece o esforzo, polo que os mellores expedientes académicos recibiron tamén unha mención especial pola súa dedicación, interese e entrega.

Sexta edición do programa

Este curso que vén de comezar é o sexto do Programa para Maiores, unha iniciativa que se vai consolidando ano tras ano e gañando en aceptación, na oferta de actividades complementarias e en calidade da formación ofertada. Neste novo curso matriculáronse en primeiro 57 alumnos, 34 mulleres e 23 homes. Únense a eles os estudantes que cursan 2º e 3º do ciclo intensivo e os de 4º e 5º do ciclo de especialización, estes últimos compartindo aulas e docencia co resto do alumnado da Universidade.

O Programa para Maiores, destinado a maiores de 50 anos, abre as súas portas a todos aqueles que queren retomar os seus estudos pero tamén a aqueles que, por diversos motivos, non tiveron oportunidade de estudar. A través destas aulas trátase de transferir coñecementos e formación en diversos saberes, contribuíndo ao enriquecemento humano, social e cultural do alumnado, tanto a través do corpo docente da Universidade como de actividades complementarias como relatorios, visitas, excursións, concertos, etc…

Ano do Envellecemento Activo e Solidariedade Interxeracional

Este programa da Universidade de Vigo engarza co mandato da Unión Europea de Envellecemento Activo e Solidariedade Interxeracional, ao que se dedica este ano 2012. O obxectivo é concienciar sobre a contribución das persoas maiores á sociedade e sobre as maneiras de abordar esta situación. Pretende mobilizar aos responsables políticos para que traballen pola creación de mellores oportunidades para un envellecemento activo e unha maior solidariedade entre xeracións. Trátase de dar ás persoas maiores a posibilidade de participar plenamente na sociedade, fomentar as oportunidades de emprego, permitirlles contribuír activamente a través do voluntariado e vivir con independencia adaptando as vivendas, as infraestruturas, os transportes e as tecnoloxías.