DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os malabares de Peter Punk pechan a programación teatral e de rúa do 1º cuadrimestre

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
S. Alcázar DUVI 09/12/2009

Coa chegada dos exames de decembro a programación cultural da Universidade deu un respiro aos universitarios, que este mércores gozaron dun momento de entretemento antes de entrar de cheo na preparación das súas probas. O pallaso Peter Punk foi o encargado de amenizar o almorzo dos estudantes na Cidade Universitaria cun espectáculo de rúa no que combinou o humor, a globoflexia e os xogos de malabares con mazas, bolas e aneis. O artista fixo partícipe ao público convidando a varios estudantes a colaborar no seu espectáculo, o que provocou máis dunha gargallada entre os seus compañeiros. Coa súa actuación, Peter Punk pechou a programación teatral e de rúa proposta pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes para o primeiro cuadrimestre.

Unha traxectoria profesional centrada no mundo do circo

Isaac Rodríguez Miranda é un malabarista vigués e pallaso de vocación que representa dende o ano 2003 o papel de Peter Punk, un personaxe imaxinario chegado do "país de nunca máis" que despunta no mundo do circo, eido no que domina varios rexistros destacando os xogos de malabares. A súa formación artística correu a cargo de grandes profesionais do espectáculo como Darío Levi, Leo Bassi ou Johnny Melville, que deixaron nel a súa pegada na forma de facer humor. Ademais, Isaac participou nun curso organizado pola Escola do Circo Criollo en Bos Aires, onde completou a súa formación circense. Na actualidade, combina o seu espectáculo en solitario como Peter Punk coa participación na compañía Os sete Magníficos + 1 , da que forma parte. Coa súa traxectoria profesional, Isaac Rodríguez estase a converter nun dos representantes máis salientables da nova fornada de artistas de rúa de Galicia.

Fuxan os ventos baixará o pano da programación cultural

O Centro Cultural Caixanova acollerá o vindeiro 16 de decembro o concerto de Nadal a cargo do grupo Fuxan os Ventos, unha banda comprometida coa identidade e a cultura de Galicia a través da súa música. Con oito discos editados e una traxectoria de máis de trinta anos, Fuxan os Ventos achegará aos asistentes o seu derradeiro traballo titulado Terra de Soños, un proxecto que conta cunha edición en directo das súas actuacións. O conxunto folk será o encargado de baixar o pano da programación cultural organizada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes para este cuadrimestre.