DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta semana as súas carpas estiveron situadas na entrada do Edificio de Ferro

Os Martes ConVida revisan a saúde da comunidade universitaria

Os interesados puideron analizar a súa dieta e o seu estado físico e mellorar os seus coñecementos e

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 30/10/2012

“Coa segunda edición dos Martes ConVida que agora celebramos estamos reforzando o compromiso que temos coa saúde integral da comunidade universitaria, pois entendemos que Universidade, ademais de formar en contidos, tamén debe dar aos seus membros ferramentas para que teñan unha calidade de vida mellor en todos os aspectos posibles”. Deste xeito explicaba María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, o obxectivo que levou a pór de novo en marcha este curso as carpas informativas do proxecto Campus ConVida, que contan co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo.

Os stands estiveron este martes situados na entrada do Edificio de Ferro, donde estuda o alumnado de Historia e de Ciencias da Educación. Durante a mañá e parte da tarde, as persoas interesadas puideron achegarse ata alí e informarse ou ser atendidos nos tres espazos habilitados. No primeiro deles, tres egresados da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense eran os encargados de tomar o pulso e a tensión e analizaban os índices de glucemia e os hábitos deportivos das persoas para “principalmente descartar enfermidades de tipo sanguíneo ou cardíaco”, segundo apuntou o enfermeiro Vicente Fernández.

Para completar estes datos médicos, noutros dos postos, atendido pola Área de Ciencias e Tecnoloxías dos Alimentos, tomábanse as medidas corporais, como o peso e a estatura e a súa proporción, e analizábase a dieta das persoas interesadas. Tamén se lles explicaba como mellorala e conceptos básicos de utilidade á hora de deseñala, como por exemplo as cantidades das racións. Por último, Guillermo Santos presentou a oferta deportiva do campus e o Emilio Paz, alumno de mestrado de Ciencias da Educación, informou á comunidade universitaria sobre os métodos anticonceptivos, a sexualidade e os efectos das drogas e do consumo de alcol.

Unha vida plena

“Queremos que na nosa comunidade universitaria e nas demais se cree unha cultura do coidado e do benestar, ofrecendo unha información que pode servir para instaurar novos hábitos de vida saudable ou para modificar os que non o son tanto. E para facelo, nestes stands traballamos o eido físico pero tamén o das relacións interpersoais, pois a convivencia é fundamental para ter unha vida plena”, apuntou María Lameiras durante a visita aos postos.

Despois de estar o día 23 de outubro no Edificio Xuridico-Empresarial e hoxe no Edificio de Ferro, os postos do Martes ConVida continuarán en novembro o día 6 na Escola Universitaria de Enfermaría; o día 13 na Biblioteca universitaria e o día 20 no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, no marco de colaboración existente entre a prisión e o campus de Ourense. En todos os casos o horario de atención é de 12 a 14 horas e de 16 a 18 horas, estando aberta a iniciativa a todas as persoas que se queiran achegar ás carpas habilitadas en cada lugar.