DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias da Educación acollerá un ciclo de literatura infantil e xuvenil

Os martes de outubro son para espertar a paixón pola lectura

Ledicia Costas e Yolanda Castaño estarán no panel de participantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantes
DUVI Ourense 19/09/2018

Ledicia Costas, María Lado, Yolanda Castaño, Esther F. Carrodeguas e Carlos Negro. Estas son as catro escritoras e contacontos e o escritor que ao longo do mes de outubro se achegarán á Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense para participar nunha nova edición, a cuarta, do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil.

A iniciativa, coordinada pola profesora deste centro Isabel Mociño coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, ten como obxectivo enriquecer a formación das e dos docentes e futuros docentes, especialmente estudantes de Educación Infantil e Primaria, en materias relevantes para o seu desenvolvemento profesional. O ciclo, sinala a súa responsable, nace da preocupación pola falta de hábito lector no alumnado, neste caso do alumnado de Ciencias da Educación. “Se as e os futuros docentes non len é practicamente imposible que o seu futuro alumnado lea, rómpese a transmisión do gusto pola lectura”, recalca Isabel Mociño. Fronte a outras alternativas de ocio, como a televisión ou Internet, a docente sinala como ler require dun esforzo e da creación dun hábito no que o papel do profesorado é moi importante.

Neste ocasión e ademais deste obxectivo principal, como eixe temático transversal do ciclo escolleuse A lectura como ferramenta de equidade. Trátase, apunta a coordinadora da iniciativa, tamén de empregar a lectura como “unha ferramenta para a formación, para facermonos conscientes da necesidade dunha sociedade máis equitativa na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades independentemente das súas características e necesidades particulares”.  

Da poesía ao contacontos

Sobre as conferencias que se ofrecerán, Isabel Mociño salienta como “quixemos traer escritoras e escritores que nos deran puntos de vista diferentes pero complementarios, que amosaran ao alumnado vías posibles para a animación á lectura”. Así, a programación arrancará o día 2 de outubro cunha conferencia de Ledicia Costas titulada Luces e monstros, da realidade á fantasía que permitirá ao público asistentes escoitar a “unha das autoras máis lidas en Educación Primaria en Galicia e que ten unha presencia social e mediática moi importante”, segundo apunta a coordinadora da cita. Seguiralle unha conferencia de María Lado o día 9 titulada Como pode a literatura cambiar (un pouco) a túa vida. “María Lado destaca por unha actitude reivindicativa a nivel social que é moi interesante de traer a este ciclo”, comenta Mociño.

As sesións continuarán o día 16 de outubro coa intervención Chaves en letra miúda da poetisa Yolanda Castaño. “No caso de Yolanda, que é unha figura mediática moi representativa da xeración dos 90, interésanos especialmente para este ciclo o seu traballo da poesía e da palabra tamén como intervención ou performance”, comenta Isabel Mociño. A penúltima das conferencias será a de Carlos Negro, do que desde a organización subliñan como se trata “dun dos poetas novos máis innovadores, que consegue enganchar á xuventude falándolle na súa propia linguaxe”. Pechará a actividade o día 30 de outubro Esther F. Carrodeguas, contacontos e actriz que permitirá ás e aos asistentes ao ciclo “ver como se leva a literatura a outras formas de expresión”. 

Como en anteriores edicións, todas as conferencias celebraranse ás 18.00 h na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Ciencias da Educación, estando abertas á asistencia do alumnado deste centro, dos estudantes do campus de Ourense, de docentes en activo e de público en xeral interesado nesta temática.