DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A tese de Patricia Costa vincula un "menor esforzo" xornalístico do descenso da preocupación cidadá

Os medios de comunicación son clave para que a violencia machista se perciba como un grave problema social

A partir da análise do programa de RNE 'Tolerancia Cero', Costa avoga pola prevención entre a mocida

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 10/01/2014

Os medios de comunicación contribuíron dun xeito decisivo a que a violencia machista abandonase o “ámbito privado para ser considerada un problema de todos”, conclúe Patricia Costa na súa tese de doutoramento O tratamento da violencia machista e a loita pola igualdade na radio pública. Mais a súa investigación, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Fernando Ramos, tamén lle permitiu constatar que, na actualidade, “a maior parte da poboación xa non identifica a violencia machista como unha das súas principais preocupacións, algo que podería estar estreitamente ligado a un menor esforzo por parte dos medios de comunicación”.

Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas, no 2004 o maltrato era unha das máximas preocupación dos españois, mentres que agora ese índice supón unha porcentaxe practicamente insignificante”, explica Costa, que considera fundamental o papel que o xornalismo xoga na erradicación desta lacra social. De feito, na súa tese fai tamén referencia a unha enquisa publicada en 2011 polo Ministerio de Sanidade que situaba á prensa como a “principal canle de coñecemento” sobre esta problemática para o 88% da cidadanía.

De aí que a desaparición desta lacra social dos primeiros postos das enquisas que avalían as preocupacións da poboación española levase a esta investigadora a incidir nalgunhas das eivas que observou no tratamento informativo desta problemática. “Normalizamos os casos de violencia e nos medios só aparecen novas tratadas practicamente como sucesos, non se afonda o suficiente”, denuncia Costa. A súa análise amósase ademais moi crítica cunha “tendencia ao sensacionalismo” que atribúe principalmente á televisión, e que supón prácticas como “especificar o número de coiteladas recibidas pola vítima e outros detalles innecesarios do crime, ou recoller incluso as típicas declaracións de veciños confirmando que o presunto agresor era unha persoa encantadora”. Por iso, subliña a importancia de contar con xornalistas especializados nesta temática, “que saiban como enfocar o tema con respecto e sensibilidade, lonxe de todo sensacionalismo”

O valor dos medios para a prevención

Ademais de estudar o tratamento informativo da violencia de xénero, a tese de doutoramento de Costa centra o seu enfoque nun programa pioneiro no ámbito da loita contra esta lacra social, Tolerancia Cero, un espazo de Radio Nacional de España co que a investigadora colabora desde 2008. A partires do tratamento informativo na radio da problemática do maltrato a partir da década de 1970 e, en concreto, a través do estudo dos contidos deste programa que se emite desde o 2004, Costa formula unha proposta para converter o actual espazo semanal de media hora de duración nun diario dunha hora. Esta suxestión fundaméntase en reorientar o programa cara a prevención e cara un público máis xuvenil, dado que diferentes estudos “revelan que a violencia machista entre adolescentes é un tipo de maltrato emerxente nos últimos anos”.

Partindo da importancia dos medios de comunicación para a concienciación da cidadanía e da consideración de que as novas xeracións serán “axentes activos do cambio”, Costa avoga por incidir na educación e na prevención. Neste senso, na súa proposta de programa figuran diferentes apartados nos que se trataría de involucrar a colexios, institutos ou universidades co obxecto de converter o espazo nun “proxecto de prevención na comunidade educativa”. Ir máis alá do suceso e incluír novas que aborden a recuperación das vítimas ou as terapias e os recursos dos que dispoñen son outros dos contidos que Costa propón no seu estudo. Subliña ademais a importancia de abordar temáticas especialmente relacionadas coa mocidade, como o uso "das novas tecnoloxías e da plataformas de mensaxería, que se están a converter nunha ferramenta de control da parella" entre os adolescentes.

A loita pola igualdade en diferentes ámbitos

Na análise dos contidos das diferentes tempadas de Tolerancia Cero, Costa comprobou como este espazo pasou de centrarse en exclusiva na violencia machista a contemplar outra serie de temáticas vinculadas á igualdade e a prestar atención a minorías que poidan ser vítimas de calquera tipo de discriminación, xa que entende que deberían ser outro dos piares nos que se sustente esa labor de concienciación desde os medios de comunicación. De feito, unha reportaxe súa para este espazo radiofónico sobre os recortes nos servizos para persoas con discapacidade levouna a ser recoñecida en xuño co premio de xornalismo Tiflos da ONCE. Máis recentemente foi galardoada co premio de periodismo sobre violencia de xénero do Instituto de la Juventud de España (Injuve) por unha reportaxe radiofónica sobre un taller de composición de cancións para mulleres vítimas de violencia machista. Así mesmo, Costa xa obtivera no ano 2009 o Premio Carmen Goes, na modalidade de radio, por unha reportaxe sobre a mutilación xenital.