DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Josep María Casasús, catedrático e decano da Facultade de Comunicación da Universidade Pompeu Fabra:

“Os medios están en crise porque a sociedade admite o sectarismo ao servizo da política”

Imparte esta semana o seminario do Máster en Investigación en Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 18/03/2010

Josep María Casasús, catedrático de Xornalismo e decano da Facultade de Comunicación da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, imparte esta semana o seminario do Máster en Investigación en Comunicación, baixo o título de Citerios para a elaboración de antoloxías xornalísticas. Autor de numerosos manuais de estilo e xéneros xornalísticos e de ensaios sobre historia do xornalismo e análises de medios, é un clásico das bibliografías das titulacións do ámbito da comunicación. Considera que a crise dos medios radican nos seus intereses políticos e económicos e que as novas tecnoloxías traerán novas orientacións para a profesión de xornalista e unha redefinición da prensa impresa. Nesta entrevista afonda nestes aspectos, concluíndo que o que vai definir a identidade do xornalismo no futuro é “o compromiso ético e solidario”.

No contexto deste máster e tendo en conta que vostede é decano dunha facultade de comunicación, que temáticas observa que están abrollando na investigación neste eido?
Na miña área, que é o xornalismo, hai agora dúas temáticas prioritarias. Unha é o futuro do xornalismo como concepción profesional e a segunda son os novos medios de comunicación. No primeiro formúlase como vai ser a profesión no futuro, cando actualmente calquera persoa hábil no uso dos novos medios pode enviar noticias, que é o máis xenuíno do xornalismo. Unha das hipóteses de traballo, que é a que eu sosteño, é que aquilo que vai definir o xornalismo é o exercicio de acordo cunhas normas de compromiso ético e solidario. É dicir, terá un recoñecemento como xornalista aquela persoa que cumpra cos principios éticos do xornalismo: o de verdade, o de liberdade, o de xustiza e o de responsabilidade social e solidariedade. Por exemplo, Mercedes Milá foi alumna miña na Escola de Xornalismo de Barcelona, ten o título, pero vendo os seus programas entendo que non exerce de xornalista. En cambio, existen outras persoas en prensa impresa e dixital, radio e televisión, que non estudaron Xornalismo, pero que teñen un compromiso cos seus principios.

E no relativo aos novos medios?
Estamos estudando tamén que profesións novas aparecerán para un xornalista no eido dixital do século XXI. Unha delas vai ser facer a crítica dos contidos que circulan pola rede, ser como un guía ou orientador dos usuarios da rede, para dicirlles que weblogs, que webs, que portais ou que produtos son de confianza, teñen credibilidade e cales non a teñen. Esa vai ser unha nova profesión, a de discriminador ou crítico dos contidos da rede.

O lugar desa figura estará dentro dos medios?
Non, un instalarase pola súa conta, vai ser un exercicio libre para montar unha propia web onde dar orientacións aos usuarios antes de ir a outras fontes. Así é como o imaxinamos nas nosas investigacións.
Na liña dos novos medios abordamos tamén a típica pregunta sobre se o papel vai desaparecer dentro de 25-30 anos como soporte periodístico.

Precisamente quería preguntarlle por iso, en particular pola desaparición dos medios impresos de actualidade.
A hipótese que traballamos no meu departamento é que non vai desaparecer o papel. O que si entrou en total crise e vai desaparecer é o modelo actual do sistema de comunicación. O que predominou en case todo o século XIX e, sobre todo, o XX foi a competitividade por ver que diario ten máis tirada. Para iso precísanse máis xornalistas, máis publicidade e máis vendas. Ver se El Mundo vende máis que El País ou La Vanguardia... Iso é a loita por estar primeiro no ranking, que conleva un crecemento constante, sen límites, con redaccións de 400 ou 500 persoas, co custo que supón iso e cun custe de papel enorme, que non o compensa a venda, senón a publicidade.
Agora estamos entrando nun sistema no que practicamente desaparece a publicidade como a entendíamos. Desaparece tamén a posibilidade de grandes tiradas debido a que se estancou a lectura e aparecen novos medios. Como se sosterá neste contexto algo parecido ao papel? Será un consumo moi elitista.

Un produto dirixido a un público moi específico, non?
Si, por exemplo The Wall Street Jounal, especializado en economía, ou The New York Times, que neste momento venden máis dun millón de exemplares, farán en papel 25.000 exemplares sen publicidade, con menos páxinas, con menos periodistas, pero a prezo de custe; en lugar de 2 dólares, custará 20. Haberá unha minoría que lle interesará moito o papel, como sucede coa literatura clásica. Haberá diarios con 5000 exemplares de distribución e con redaccións de 20 xornalistas.

O que desaparecería entón é a prensa xeralista en papel?
Si, non poderá ser unha prensa xeralista, senón especializada. The Wall Street Journal serán grandes análises diarias en papel dirixidas aos altos executivos da City e Wall Street, que pagarán 20 euros. Será o medio especializado en economía e seguramente The New York Times serao en política exterior norteamericana e terán uns grandes analistas. O papel subsistirá porque é máis cómodo para isto, pois pasar páxinas na pantalla é moi pesado.

Todos estes cambios, como se traducen na planificación curricular das titulacións de comunicación?
As universidades temos que facer unha oferta multimedia. Temos que preparar profesionais nos cinco soportes que hai actualmente: prensa impresa, radio, televisión, internet e outro soporte que contén todos os anteriores, o multimedia. Isto mantendo as virtudes da comunicación responsable que se ensinou nos Estados Unidos ou en España durante 70 ou 80 anos, ou en Alemaña durante 200, e con fórmulas que teñan en conta ao receptor e tamén o tratamento de imaxes.

En relación ao compromiso ético do que falaba ao principio, cal é a súa valoración dos medios españois? Poñen os intereses económicos e políticos diante da calidade informativa?
España non é unha excepción a outros países. Priman máis os intereses empresariais, económicos, políticos e institucionais que os de servizo público. Iso é inevitable, pero tampouco hai que ser derrotistas. A historia do xornalismo demostra que melloramos nalgún sentido. No XIX o xornalismo por excelencia era o sectario. Non se entendía que un xornalista fose imparcial ou obxectivo, todo o mundo tiña que estar comprometido dunha forma radical e tendenciosa con ideas políticas e mesmo relixiosas. No XIX o articulista tendencioso era o xornalista por antonomasia. No século XX desacreditouse iso, aínda que agora recuperouse dalgunha maneira e se vemos algúns programas de televisión ou algunhas tertulias atopamos que volveu un sectarismo mercenario. Nótase que moitos tertulianos cobran por manter posicións que nin eles mesmo cren. Páganlles para aparentar que son extremistas dunha ou doutra parte. Isto ocorría tamén no XIX, pero entón estaba respectado pola sociedade. Eu creo que no século XXI a crise que temos vén diso, que a sociedade admite outra vez o sectarismo nos medios de comunicación ao servizo das ideas políticas, cun trasfondo de intereses económicos.