DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fisioterapia converteuse no primeiro centro en dar a benvida ao estudantado de novo ingreso

Os mellores desexos para o novo alumnado do campus de Pontevedra

Ao longo da semana sucederanse os actos de presentación nas diferentes facultades e escolas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 01/09/2014

Nunha semana na que os actos de benvida que se irán sucedendo nos diferentes centros do campus, a Facultade de Fisioterapia converteuse este luns na primeira en recibir aos seus novos alumnos e alumnas, cun acto no que preto de corenta estudantes puideron coñecer máis o detalle o funcionamento da que será a súa casa durante os próximos catro anos. De recibilos encargouse a decana, Eva María Lantarón, que acompañada pola vicedecana, Alicia González, e o secretario do centro, José Manuel Pazos, trasladou aos estudantes de novo ingreso o seu desexo de que o seu paso pola Universidade de Vigo constitúa “unha grata experiencia, tanto a nivel persoal como pensando xa no seu futuro profesional”.

A normativa de uso dos laboratorios ou a plataforma da que dispón a facultade para o intercambio de información entre alumnado e profesorado foron algún dos temas abordados neste acto, que comezou cunha presentación dos cursos que ofrece o Centro de Linguas a cargo da súa xefa de estudos, Mercedes Álvarez. Posteriormente, esta sesión de benvida completouse cun percorrido polas instalacións do centro, no que os novos alumnos e alumnas tiveron como guías a outros estudantes da facultade. De aí que este día de presentación fose ben acollido por aqueles mozos e mozas que vivían este luns o seu primeiro día na Universidade, como Fernando Martín, que salientaba que “aínda que xa estiveramos previamente na facultade, o certo é que se agradecen moito este tipo de actividades”.

Recibir unha completa formación académica e que esta “estea enfocada a axudarnos a atopar traballo como fisioterapeutas nun futuro” é o que agardan os novos estudantes da etapa que veñen de iniciar, como apuntan Natalia Sanmartín e Tamara Fernández, dúas mozas que tamén viven o seu primeiro día no campus. Mais a de hoxe non será a única xornada de iniciación para o novo alumnado de Fisioterapia, que nos próximos días participará nun “curso de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, no que buscamos introducilos na vida universitaria”, resaltou Lantarón, que incidiu ademais en que este ano académico comeza coa mirada posta xa no seguinte, no 2015-2016, posto que será o do vinte aniversario do centro, efeméride que xa se comezará a celebrar ao longo deste curso coa “realización de conferencias e outra serie de actos abertos tanto a todos os fisioterapeutas como ao público en xeral”.

Un curso no que o campus estrea modalidade semipresencial

Ao longo dos próximos días, as diferentes facultades e centros do campus darán continuidade á senda trazada nesta xornada por Fisioterapia, dando tamén á benvida a un curso, o 2014/2015, que no campus de Pontevedra vén marcado polo “alto interese que espertaron as diferentes titulacións”, como salienta o vicerreitor Juan Manuel Corbacho. No tocante precisamente á oferta formativa, a principal novidade no campus pontevedrés radica na estrea da nova modalidade semipresencial do grao en Dirección e Xestión Pública, que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, un centro desde o que tamén se fai énfase na “alta demanda que están a recibir as diferentes titulacións”, como salienta a decana, Emma Torres.

Nunha liña similar pronúnciase o decano de Belas Artes, Juan Carlos Meana, que recoñece como “a sorpresa máis agradable deste inicio de curso” o interese que están a espertar tanto os estudos de grao que se imparten nesta facultade como os dous mestrados, en Arte Contemporánea e en Libro Ilustrado e Animación Dixital, “que aínda manteñen aberta a súa matrícula”. Por ese motivo, para Meana o principal reto do curso que comeza “é tentar manter o nivel formativo dunhas titulacións xa consolidadas”, ao tempo que o centro continúa afondando na súa idea de “abrirse á cidade e seguir participando socialmente a través da colaboración con outras institucións, da organización de exposicións ou do programa de voluntariado”.

No caso da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que este mércores recibirá aos seus novos alumnos e alumnas, o curso comeza tamén cun importante reto no horizonte, o de convertese no primeiro centro universitario galego en pasar a formar parte da Rede de Escolas Unesco, unha posibilidade cualificada como “moi interesante” pola súa decana, Francisca Fariña. Por outra banda, desde a Escola de Enxeñaría Forestal faise énfase no “importante pulo” que, pensando neste curso que agora comeza, veñen de darlle no centro aos “convenios con empresas para as prácticas laborais do noso alumnado, que están adquirindo unha importancia moi forte”, como salienta o seu director, Enrique Valero.