DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e a conselleira de Educación entregaron os diplomas aos gañadores

Os mellores estudantes de Galicia competiron en Vigo por un posto na fase nacional da Olimpíada de Bioloxía

A xornada estivo marcada pola defensa da carreira investigadora

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río / Lucía Costas DUVI 16/01/2009

A poucos días de comezar os exames do primeiro cuadrimestre, a Facultade de Bioloxía acolleu ao longo deste venres unha particular e adiantada xornada de avaliación. Por primeira vez nos seus catro anos de historia, a Olimpíada de Bioloxía tivo como sede o centro vigués, no que se deron cita arredor de 80 estudantes de segundo de Bacharelato.
A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e o reitor da Universidade de Vigo foron os encargados de entregar as distincións aos tres primeiros clasificados, Pablo Antúnez, Julián Montoto e Lara Valiño, que representarán a Galicia na fase nacional da Olimpíada.
A xornada, na que os estudantes puideron tamén coñecer a facultade, estivo marcada por unha firme defensa da carreira investigadora e científica. “O século XXI vai ser o século da bioloxía” defendeu o decano do centro, Pedro Pablo Gallego, “e esta disciplina está na rúa cada vez con máis intensidade grazas a termos como células nai, reprodución asistida, xenómica, cambio climático...”. A crecente importancia desta ciencia foi defendida por todos os presentes, especialmente pola conselleira de Educación, doutora en Bioloxía, que apuntou que “os descubrimentos que no século XX se deron no eido da bioloxía son impensables noutras disciplinas”. Laura Sánchez Piñón animou aos mozos asistentes a continuar a súa formación polo camiño da carreira científica “porque da ciencia é de quen debemos agardar os cambio para o benestar. É unha carreira dura e longa, pero quen a emprende non é quen de deixala”, subliñou.
O reitor da Universidade, Alberto Gago, tamén invitou aos estudantes a “deixar nos vosos soños de futuro un oco para a carreira científica, un espazo de heroicidade, grazas á que quizais, nun futuro vos poidades incorporar ao sistema de ciencia e tecnoloxía de Galicia” .
Neste senso, o decano, Pedro Pablo Gallego, destacou que a ciencia “é unha fiestra a un mundo atractivo e sobrecolledor e, para desenvolver esa profesión, contades con moitos centros e universidades repletos de bioloxía”, ao tempo que lles lembrou que a ensinanza é o mellor pasaporte para a vida.
No acto estiveron presentes tamén Luis Navarro en representación do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia e Mercedes Casal, directora do grupo de traballo Bioloxía selectividade, que lles anunciou aos estudantes que “de cara aos exames de acceso á universidades deste ano, non haberá cambios no referente á proba de bioloxía”.

Unha mañá de probas e visitas

Os 76 estudantes de Bacharelato de toda Galicia que tomaron parte nesta fase autonómica afrontáronse a unha proba teórica e outra práctica ao longo da mañá. Segundo o delegado da Olimpíada en Galicia, Pedro Nozal, “a xornada transcorreu con total normalidade, grazas en gran parte á magnífica organización por parte desta facultade e do seu decano, Pedro Pablo Gallego”. Nozal quixo recoñecer tamén o traballo dos profesores de secundaria “por estimular e apoiar aos estudantes” e lembrou que nos últimos anos os representantes galegos gañaron ou quedaron nos primeiros postos a nivel nacional, os que lles permitiu representar a España nos certames internacionais. Destacou tamén Nozal o aumento progresivo de participación, pasando dos 17 inscritos no 2006 aos 76 actuais.
Na aula magna do centro desenvolveuse o exame teórico, que se corresponde co 75% da nota final, e constou de 75 preguntas tipo test. No salón de acto tivo lugar a parte práctica das probas, que se corresponde co 25% restante da nota, e comprendeu a visualización de 25 diapositivas nas que había que identificar unha serie de contidos como estruturas vexetais.
Unha vez rematas as probas, as sensacións dos estudantes eran moi positivas. Para Cristina Llano, da Coruña foron probas sen moita complicación, “non o preparei moito pero era bastante sinxelo, aínda que preguntaron cousas que non din en clase”, explicaba. Neste sentido coincidían a maioría dos alumnos, como Alejandra Codias, do centro Compañía María de Vigo, que apuntaba que “non foi nada difícil, pero hai moito nivel e non será fácil ser un dos tres finalistas”.
Logo do xantar, profesores de diferentes áreas levaron aos estudantes nunha visita guiada por algúns dos laboratorios da facultade para que os mozos entren en contacto coa biodiversidade microbiana, animal e vexetal”.
De Vigo saen así os tres finalistas que competirán a nivel nacional, optando a acadar a participación nas Olimpíadas Internacional e Iberoamericana. Ademais do título acreditativo, os tres premiados recibiron tamén unha cámara fotográfica, unha axuda de 600 euros ao matriculárense na universidade elixida e o traslado e a estancia na fase nacional.

O reto de Boloña

Antes da entrega das distincións aos premiados, o decano da Facultade de Bioloxía de Vigo ofreceu un relatorio sobre o proceso de adaptación ao EEES. Na súa intervención explicou aos futuros universitarios do sistema educativo que se van atopar unha vez que comecen a súa andaina na educación universitaria o vindeiro ano. Gallego fixo un percorrido los obxectivos que pretende o Plan Boloña entre os que destacou a “harmonización de todos os sistemas educativos da UE para facilitar l mobilidade dos estudantes universitarios, os docentes e os profesionais do ensino superior”. O decano explicou tamén aos estudantes “que non é Boloña” aclarando os pasos, procesos e finalidades deste proceso no que “se confunde a creación de graos e mestrados co encarecemento dos estudos pero, por primeira vez se ofertarán másters a prezos públicos (1.700 €) fronte aos 6.000 a 60.000 € dos privados”, concluíu.