DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No encontro ‘Fórum Cicerón. Se busca talento’

Os mellores universitarios demostran a súa valía en San Simón

O programa contén dous días de formación e a celebración dun torneo final de debate no Parlamento de

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 06/04/2011

Chegou a hora de que os mellores universitarios de Galicia demostren o que valen. Este martes deu o pistoletazo de saída o Fórum Cicerón. Se busca talento no que os estudantes máis brillantes tratarán de convencer durante tres días ás dez empresas participantes, mediante a técnica do debate, de que son os profesionais que necesitan. No acto de benvida aos estudantes estiveron presentes Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, en representación das tres universidades galegas; Beatriz Mato, conselleira de Traballo e Benestar; Joaquín Varela, director do Igape e Francisco Alonso, director xerente da Fundación Illa de San Simón.

O vicerreitor Ignacio Barcia quixo aproveitar a inauguración para felicitar “aos alumnos e alumnas máis brillantes das tres universidades galegas”, salientando a necesidade de que se celebren este tipo de actividades “que axudan á transferencia de coñecemento e á empregabilidade”. Ademais, resaltou a importancia de potenciar “este tipo de xornadas complementarias que axudan ao desenvolvemento de habilidades transversais neste contexto de cambios do sistema universitario”.

Dez empresas do renome de Blusens, Banco Pastor ou Repsol YPF, terán dous días para observar de preto os comportamentos dos candidatos e candidatas, que estarán baixo unha tensión competitiva por someterse a exercicios que esixen o cumprimento duns obxectivos nun tempo determinado e traballando en equipo, situación moi semellante ao ambiente laboral de calquera empresa. Ademais da formación e da oportunidade de ser observados polos responsables de recursos humanos das empresas, os universitarios recibirán unha beca FEUGA e o recoñecemento de créditos.

Tres días intensos

Promovido e organizado por Qcoach, spin off da Universidade de Vigo, o programa do Fórum Cicerón contempla dous días de formación intensiva na illa de San Simón na que os asistentes transformarán as súas destrezas previas en competencias necesarias para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Tanto hoxe mércores, como mañá xoves, participarán en xogos de desinhibición, crearán equipos, falarán en público para mellorar as súas técnicas discursivas, farán improvisacións e afondarán na técnica do debate e nas estratexias de comunicación.

A actividade final queda reservada para o venres 8 de abril coa celebración dun torneo de debate, cuxa fase preliminar terá lugar na Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela. O Parlamento de Galicia acollerá a semifinal e a final do torneo, clausurando as xornadas.