DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os mellores xadrecistas mundiais danse cita esta fin de semana no “Galicia Chess Festival”

O Universidade de Vigo de Xadrez tamén participará no evento

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 25/09/2009

Con gallo do Xacobeo 2010 e dentro das actividades de promoción do Ano Santo, Ourense acolle o “Galicia Chess Festival 09” que reúne, a partir de hoxe e ata o domingo 27, aos mellores xadrecistas do mundo de xadrez lóstrego, unha modalidade na que se xogan partidas que duran entre 3 e 60 minutos. O festival contará con varios torneos: o Aberto Internacional de Xadrez Activo Memorial Fernando Marcote e os Campionatos de Europa de Xadrez Activo Feminino, Xadrez Lóstrego e Xadrez Lóstrego Feminino, cun fondo de premios de 54.000 euros. As xornadas de competición terán lugar no Pavillón Paco Paz, comezando ás 16.00 horas do venres e rematando coa clausura á que asistirá o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo o domingo ás 19.00 horas.
Este acontecemento deportivo será difundido entre 40 millóns de xadrecistas de todo o mundo a través de Internet. Para un dos organizadores do festival é todo un orgullo que se realicen estas xornadas, “levábamos moito tempo intentando que se celebrase un evento destas características e xusto agora, pensando tamén no Xacobeo 2010, parece que o xadrez vai a ter a súa merecida atención”, comentou Pablo García Castro, capitán do equipo da Universidade.
O público asistente poderá contemplar en directo o espectáculo que supón ver “aos mellores xadrecistas do mundo, pertencentes a 40 países, disputando partidas rápidas con 600 xogadores”. García Castro tamén destacou a participación da Universidade de Vigo no evento, tanto na competición como no patrocinio, “é o maior evento de xadrez realizado en Galicia e un dos festivais máis destacados a nivel internacional”. O noso equipo “é o club máis destacado de Galicia, tanto en competición federada, como en traballo coa base: proxecto educativo, xadrez e novas tecnoloxías... Non podíamos faltar a esta cita”.

Outras actividades

Ademais dos campionatos de xadrez están programadas numerosas actividades paralelas para o público, acompañantes e os propios xogadores, onde tamén se poderán gañar distintos premios. Entre estas actividades atópanse un partido de fútbol da Selección de Xadrez contra C.F. Ourense Xuvenil, a Festa do Xadrez en Suite212, concursos de xadrez, baloncesto, tenis e minigolf, partidas versus Mestres... “É unha oportunidade única para os xadrecistas e os curiosos, os que non saiban xogar incluso poderán aprender alí, xa que haberá unha escola de aprendizaxe”, apuntou García Castro. Tamén se aproveitará durante o evento para falar “de moitos proxectos relacionados co xadrez dende unha perspectiva que vai máis alá do deporte en si mesmo”.
Por outra banda, García Castro tamén destacou “a cantidade de recursos empregados en potenciar o xadrez feminino neste evento e a súa visión como festival, máis alá da propia competición deportiva: turismo, ocio...”