DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un convenio asinado este martes coa Agrupación de Libreiros de Ourense

Os membros da comunidade universitaria terán un 5% de desconto en librarías da provincia

A promoción abrangue a todo tipo de publicacións, non só académicas

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 25/04/2017

Coa celebración aínda recente o pasado 23 de abril do Día do Libro, este martes asinouse no campus de Ourense un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense. A iniciativa permitirá que durante o ano 2017 os membros da comunidade universitaria teñan un desconto do 5% na compra de libros nas 26 librarías da provincia que forman parte desta agrupación.

A sinatura, que tivo lugar no Edificio de Ferro, correu a cargo de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e José Manuel García, presidente da Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense, estando tamén presente Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia. O vicerreitor do campus sinalou como con este acordo vén a estender aos membros da comunidade universitaria, sexan estudantes, persoal docente e investigador e persoal de administración e servizos, a relación que “xa de vello hai entre as nosas bibliotecas e as librarías locais”. A iniciativa, engadiu Virxilio Rodríguez, quere acadar que este colectivo “se achegue máis motivado se cabe ás librarías locais”, negocios dos que destacou o feito de que son dinamizadores da economía e creadores de emprego arredor dun “produto moi interesante para a sociedade, xa que estamos a falar de libros e cultura”. Pola súa banda, José Manuel García subliñou como a función última das librarías é vender libros nun contexto pouco favorable, polo que recalcou como é “moi importante atraer clientes coma os estudantes, que son consumidores de libros e posibles compradores”.

Identificativo nos locais

Segundo recolle o convenio, a súa posta en marcha xorde polo entendemento entre ambas entidades de que “sería de interese para os colectivos que representan establecer un marco de colaboración a prol no só do alumnado senón de toda a comunidade educativa en xeral”. Concretamente, o acordo sinala que “a Universidade de Vigo publicitará como parte das ventaxas da tarxeta universitaria que as compras de libros nas librerías integradas na Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense se lles aplicará un 5% de desconto. Pola súa banda, esta agrupación publicitará o contido deste compromiso entre os seus asociados a fin de que apliquen un desconto do 5% a todos os membros da comunidade educativa que acrediten esta condición. O desconto realizado é o máximo que permite a Lei do Libro. No marco desta campaña, as librarías adscritas a esta promoción colocarán nos seus locais un adhesivo identificativo do desconto para os membros da Universidade de Vigo.

O convenio comeza a aplicarse desde a súa sinatura e ata o 31 de decembro do 2017 e para ser beneficiario del os interesados terán que presentar a súa tarxeta universitaria no memento de facer a compra. Antes do remate do prazo previsto de finalización do acordo, as partes por unanimidade poderán prorrogalo ata un máximo de catro anos.